O lobo derrotou ao noso agro nos despachos

Francisco Bello PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN AGRARIA DE GALICIA

OPINIÓN

MITECO

Resulta lamentable que os gandeiros quedemos indefensos ante o lobo que ataca o noso medio de vida

27 sep 2021 . Actualizado a las 09:27 h.

No medio rural en Galicia levamos moitos anos convivindo co lobo. Moitas veces nun difícil equilibrio entre as actividades humanas e a continua expansión da principal especie depredadora salvaxe que abunda polo noso territorio. Resulta lamentable que os gandeiros quedemos indefensos ante o lobo que ataca o noso medio de vida, pero máis denigrante e frustrante resulta aínda que dende os despachos de Madrid nos quiten definitivamente as escasísimas ferramentas de defensa ou de resarcimento de danos que nos quedaban aos que vemos como o lobo mata sen piedade as nosas reses. Por certo, moitas delas recén nacidas.

A decisión unilateral do Goberno de España de protexer totalmente ao lobo ataca frontalmente a moitas actividades produtivas do rural, comezando pola gandería. Pero o que de verdade está en xogo é a supervivencia mesma do propio agro e, indirectamente, as necesidades alimenticias e ambientais da poboación en xeral.

Os escasos instrumentos de xestión do lobo que podían actuar en defensa do gandeiro acaban de ser anulados por un decretazo que outorga ao lobo, en desigual combate, a supremacía definitiva sobre calquera especie silvestre ou doméstica no territorio español. Iso si, o Estado non se fará cargo dos danos que o lobo produza, xa que terán que ser asumidos polos gandeiros ou por outras administracións.

As novas tendencias no consumo indican que o consumidor empeza a valorar o xeito de producir os alimentos. Medra a demanda do ecolóxico e do producido respectando o benestar dos animais e o medio ambiente. Pois ben, cando o lobo mata acabouse o benestar do animal e o do gandeiro atacado. Ata o de agora, quedaba o escaso consolo dunhas indemnizacións complexas de tramitar e de escasa contía. Unhas axudas que dende logo o gandeiro nunca quixera ter que mendigar. É verdade que tamén se podía pedir a realización de accións disuasorias, pero estas batidas escasamente conseguían escorrentar ao lobo por unha tempada.

Se os gandeiros e os habitantes do medio rural quedamos desprotexidos fronte ao lobo, resulta evidente que non se vai frear o abandono do campo na chamada «España vaciada». Os pobos e aldeas do noso país seguirán avanzando inexorablemente cara a converterse en lugares desérticos e abandonados. Resulta moi frustante ver como nuns cantos ataques do lobo se funde a economía anual dunha explotación, pero o peor é que a moral e as gañas de loitar do gandeiro esmorecen de todo.

En consecuencia, o lobo gaña e o gandeiro perde. O lobo vive e o gandeiro, pouco a pouco, abandona a actividade. Esta é a triste realidade actual en moitas aldeas do noso agro.

A recente inclusión do lobo no LESPRE vén confirmar a aparente vitoria final do lobo sobre o gandeiro nos despachos. Está por ver se finalmente se impón ou non a lei da selva. Aquela que di que «só sobrevive o máis forte». Se este agravio non se arranxa, desgraciadamente así será.