ÚLTIMAS HORAS - BLACK DAYS -
Suscríbete 1 año con el 50% de descuento
Quiero la oferta

Rosón, a historia e o relato negacionista

Luís Bará DEPUTADO DO BNG E PORTAVOZ PARLAMENTARIO PARA A MEMORIA HISTÓRICA

OPINIÓN

PEINÓ

22 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Quixera facer unha primeira aclaración: foi o PP quen puxo a figura de Antonio Rosón na contenda política coa proposta unilateral de denominación das salas do Parlamento galego. No medio desta contenda hai unha pregunta que merece resposta: debe o Parlamento de Galiza homenaxear a un recoñecido franquista dándolle o seu nome a unha sala? A diferenza do PP, o BNG ten claro que non, porque supón unha afronta democrática e unha labazada a todas as persoas que aínda esperan verdade, xustiza e reparación. De aí a nosa posición radicalmente en contra que, ademais, abre un debate que vai máis alá da figura de Rosón, pois estamos ante unha controversia sobre os dereitos que asisten ás persoas e pobos vítimas de graves violacións dos dereitos humanos. Neste caso, nin máis nin menos que o dereito universal a coñecer a verdade, a acceder á xustiza e a recibir a acaída reparación polo dano producido.

Dereitos que, como ten repetidamente acreditado a ONU a través do Comité de Dereitos Humanos, non poden ser exercidos no Estado español pola aprobación durante a sacrosanta Transición de leis de punto final, de esquecemento e de impunidade.

O debate aberto coa decisión do PP permite poñer a atención nunha materia pendente: o das persoas que cometeron graves crimes polos que nunca tiveron que render contas e nin sequera pedir perdón.