O que quede

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

16 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces hai casos de agresións e desaparicións que ocupan o centro de todas as miradas por riba doutras que se esquecen sen deixar nin rastro de fume. Descoñezo os motivos para isto e dáme mágoa, pois entendo que todas as vítimas deberan ser tratadas por igual.

 

Con todo, hai nomes que non poden borrarse da mente por moito que pasen os anos. Un deles é o de Yéremi Vargas, un pequeno que contaba con sete anos cando desapareceu hai 14. Estes días volve falarse con intensidade sobre el. Primeiro, por causa de seu pai, pero tamén por el mesmo, xa que a familia logrou reabrir o caso.

As redes, os xornais, os noticiarios... Téñeno en primeiro plano. Hai titulares a moreas. Entre todos os que é inevitable ler, chamoume a atención aquel que reproduce unhas palabras da nai: prego ao culpable que nos entregue o que haxa do neno.

É algo que me atormenta nestes casos: a incerteza. Non é que eu necesite coñecer que pasou, non. É que penso na familia, nos achegados. Eles si merecen saber. Ver, tocar, ter, soterrar, pechar.

Como seguir respirando coa incógnita incrustada nos miolos, no corazón, en cada poro da pel?

A dor da perda será irreparable. A cicatriz que deixa a ausencia doerá eternamente coma reuma que venta a humidade.

É necesario buscar onde apoiarse para poder erguerse de semellante sismo. O cimento para facer camiño é o saber.

Que entregue o que quede. É unha aseveración que esgaza. Imaxinen a fenda interna da nai que suplica por unhas migallas, coma se fose unha mísera esmola e non un dereito vital.