Vinte anos dunha viraxe da Historia

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

JOHN MUNSONPOOL

14 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O día 11 todo o mundo lembrou que estaba a facer cando soubo dos atentados en Nova York. Por iso eu lembrei que a aquel atentado adicara o meu segundo artigo neste xornal, interpretando que aquela acción significara unha inhumana viraxe da Historia. A Historia non ten dirección pero dá viraxes inesperados con consecuencias imprevisibles. Vinte anos son abondos para ver con certa perspectiva onde nos levou aquela data de setembro do 2001. A tecnoloxía nas formas de matar e máis o uso do diñeiro definen as sociedades máis que mil discursos políticos e mil predicacións de calquera relixión. Dende ambos os dous puntos de vista todos e todas podedes valorar en que mudamos. Non me refiro só a uso de alta tecnoloxía como os drons de sofisticado uso militar, senón a desgrazada recuperación da tortura que cunha sorpresiva normalidade invadiu o presente e recuperou un inesperado uso que pasou á literatura, os videoxogos e a cotianeidade. Falo do uso do diñeiro como expresión de riqueza e da súa acumulación en menos mans, da crise financeira e as súas consecuencias xa se falou moito, pero menos da inversión de prioridades no uso dos recursos públicos cara un rearme extenso e intenso que vai dos complexos artefactos militares ao exército de gardas xurados que invadiu e segue invadindo os espazos públicos e privados ou das medidas de antintrusión e cámaras de vixilancia que controlan as nosas rúas e as nosas casas. Se comparan como vestía hai vinte anos a policía de calquera país democrático e como viste hoxe tamén poderán tirar conclusións.

Os controis dos aeroportos nos que todos somos sospeitosos xa os normalizamos na primeira viaxe posterior a aquel mes de setembro de hai vinte anos. As nosas fillas e fillos xa non coñeceron outra cousa. Agora coa guerra contra o covid iso trasladouse a todos os espazos sen moito problema. Pensando nestas dúas décadas diríase que a humanidade ten moita máis capacidade de adaptación que de mudanza. Pensando historicamente no longo prazo, confirmaríamos esa interpretación.

A guerra contra o terror é imposible pero iso foi o que aquel presidente norteamericano de hai vinte anos, os seus falcóns e os seus aliados ibéricos e británicos propuxeron facer e fixeron. O terror non se pode combater, non ten exército nin soldados. Non é material. Despois daquel inhumano xiro da Historia que apelaba aos espíritos, vai tocando un xiro material para recuperar a humanidade. Acabo como hai vinte anos: o esforzo tecnolóxico e económico liberado nas últimas décadas non estivo acompañado por esforzos políticos parellos de cooperación internacional que permitiran un mellor reparto da riqueza e a solución dos conflitos locais herdados da guerra fría. Só temos que engadir dúas décadas máis.