Sobre a inoperancia da diplomacia da UE

Miguel Anxo Bastos Boubeta PROFESOR TITULAR DO DEPARTAMENTO DE CIENCIA POLÍTICA E DA ADMINISTRACIÓN DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

OPINIÓN

12 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sendo eu moi partidario da diplomacia que exerce a Unión Europea a través das súas institucións, hai que dicir que, en todo o que afectou á retirada do Afganistán, esta pouca culpa ten, pois a misión e os seus fracasos teñen moito máis que ver coa OTAN, non tan criticada na operación. 

E ten pouco que ver tamén porque tal diplomacia non parece caracterizarse precisamente pola súa operatividade e, de selo, non o manifesta ou non sabe comunicalo. Temos ben presente o desastre de comunicación dos seus líderes na reunión con Erdogan ou a bronca recibida por Borrell por Lavrov, ministro de Exteriores ruso, que o que de bo puidera ter feito nestes anos.

A política exterior da Unión Europea tampouco podería ter culpa da desfeita porque carece de capacidade de facer dano, aínda que quixera. A diferenza do Banco Central Europeo, que si foi dotado dende o seus comezos con certo grao de independencia (tampouco demasiado, a verdade sexa dita) e capacidade de executar as súas decisións, a política exterior ten máis de representación que de sustancia. As súas declaracións deben ser validadas despois polos correspondentes ministerios dos países membros, que non sempre concordan, e na maioría das ocasións son severamente modificadas na súa execución e, outras veces, contraditas, e iso cando non quedan na inoperancia. E, pola outra banda, está sometida a todo tipo de decisións de outras potencias e organizacións internacionais, dende a OTAN ao G7, no que xoga un papel meramente simbólico. Só hai que lembrar no que quedaron as grandes declaracións retóricas sobre a defensa da democracia en Venezuela e o seu recoñecemento do señor Guaidó. Isto non é probable que cambie a curto prazo, pois requiriría un cambio na arquitectura da Unión que nestes momentos non parece estar na axenda, e de darse algún cambio sería cara a unha maior irrelevancia da política exterior común, non dun maior peso. Os ventos que sopraban a favor da integración hai tempo que mudaron o rumbo, e todo apunta a unha recuperación de soberanía por parte dos Estados membros.