Fútbol es fútbol

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

11 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Conta Eduardo Galeano que cando levaban a dona Tota ao hospital con dores de parto, viu no chan unha estrela pequeniña que brillaba. Colleuna e tívoa na man, apretada con forza, mentres estivo no paritorio; e di Galeano: «Y aquella noche nació Diego Armando Maradona». Maradona marcou moitos goles; pero os dous máis recordados fíxoos no enfrontamento das seleccións arxentina e inglesa, o 22 de xuño de 1986, no Estadio Azteca de Ciudad de México. O primeiro meteuno coa man, erguida 30 centímetros sobre a cabeza; o segundo culminando unha xogada memorable. Aínda hoxe se ten polo mellor gol da historia dos mundiais. Porén, Maradona, a federación e os siareiros arxentinos valoraron tanto o gol con trampa coma o da xogada marabillosa porque os dous permitiron eliminar a Inglaterra e seguir adiante no Mundial. En fútbol, o importante é gañar; o de menos é «como facelo». Preguntáronlle a Maradona en TV «o como» daquel primeiro gol, e respondeu: «un poco con la cabeza y un poco con la mano de Dios».

O 3 de setembro de 1989, Chile e Brasil xogaban no Maracaná un encontro decisivo na clasificación para o mundial. O xogo detívose cando Rojas, o porteiro chileno, caeu ao chan coas mans na cara, mentres a carón del fumegaba unha bengala. Entrou o masaxista, atendeuno, e viuse a Rojas co rostro cheo de sangue. A selección chilena negouse a seguir xogando, confiando en que a FIFA lle daría a vitoria. Unha cámara demostrou que a bengala caera a tres metros de Rojas e que o sangue do rostro fixérallo o masaxista cunha lanceta. Saíran de Chile co acordo de provocar a suspensión do partido á menor ocasión e vírona na bengala. As sancións da FIFA deixaron a Rojas e o seleccionador inhabilitados para sempre e a Chile sen participou na fase previa do Mundial do 94. Outro recurso para gañar no fútbol é a violencia. Eu seguín en TV o Mundial de 1966 en Inglaterra e vin no enfrontamento Brasil ? Portugal, como no primeiro balón que chegou a Pelé, dous xogadores portugueses foron a el, un por diante e outro por atrás, e zorregáronlle ao mesmo tempo un punteirazo na tibia e outro no calcañar. Sacárono en padiola, claro.

Hai directivos con clase que rexeitan a violencia e prefiren o amaño co árbitro. O máis prestixioso dos árbitros españois nos anos 70 e 80 foi José Emilio Guruceta. Grande, chulo e rápido sacando tarxetas, era o orgullo da Federación e do Colexio de árbitros. En 1997, Constant Vanden Stock, expresidente do Anderlecht, confesou á xustiza belga que, en 1984, pagara a Guruceta un millón de francos -tres millóns de pesetas da época- para eliminar ao Nottingham nas semifinais da Copa da UEFA. Guruceta morrera en accidente de tráfico, en 1987.

A peculiar suspensión do encontro Brasil ? Arxentina non debería escandalizar a ninguén porque así é o fútbol; e xa, en 1979, Vujadin Bo?kov, o adestrador serbio e filósofo, explicara e xustificara tanto noxo cunha banalidade elocuentísima: «Fútbol es fútbol». Dez anos antes, xogaban no Santiago Bernabeu o Madrid e o Sabadell. O porteiro e un defensa do Madrid van a un balón, baten as cabezas e caen ao chan. O porteiro non se move e hai sangue. O balón chégalle a Zaballa, xogador do Sabadell, que ve ante el a portería baleira, pero decide botalo fóra. Ningún ufólogo se decatou, pero Zaballa era alieníxena. De Marte, probablemente.