Acidificación nas rías

Fiz Fernández Pérez NOVO ACADÉMICO NUMERARIO DA SECCIÓN DE QUÍMICA E XEOLOXÍA DA REAL ACADEMIA GALEGA DE CIENCIAS (RAGC)

OPINIÓN

Xoán Carlos Gil

11 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O océano está axudando a mitigar o cambio climático pero a un costo moi alto: a súa acidificación. Debido a captación do CO2 de orixe antropoxénico [31 %], o pH das augas da capa superficial do océano estase reducindo a un ritmo de unhas dúas milésimas cada ano, xerando un descenso da dispoñibilidade de ión carbonato para a formación das estruturas calcarías que moitos organismos crean e necesitan para o seu desenvolvemento (corais, bivalvos e microorganismos calcarios entre outros). Isto é o que se coñece como «o outro problema do CO2», ou dun xeito máis específico, a acidificación oceánica.

Detectar e avaliar o sinal antropoxénico da acidificación oceánica require de medidas precisas e sistemáticas a longo prazo [varias décadas], pois os ciclos naturais xeran variacións de pH con amplitudes medias 100 veces superiores [80 a 200 milésimas de pH]. Este exhaustivo esforzo vense realizando en case unha decena de observatorios oceánicos espallados por todo o mundo, e permitiu hai xa 15 anos definir e establecer o termo de acidificación oceánica, pero tamén cualificar este fenómeno como un síndrome oceánico. Os sistemas costeiros están sometidos a outros procesos antropoxénicos que poden amplificar ou atemperar esta acidificación.

As medidas de pH nas costas galegas foron unha iniciativa do doutor Fraga [1923-2020] en 1976 co obxectivo de estudar a produtividade das nosas augas. Máis de 4 décadas de continuas observacións do pH [ligadas á execución de múltiples proxectos de investigación no Instituto de Investigacións Mariñas] permitíronnos desenmascarar o sinal antropoxénica da acidificación, tanto nas augas abertas da plataforma galega como no interior da ría de Vigo. En augas abertas, o resultado é idéntico ao observado noutros observatorios oceánicos, pero no interior da ría de Vigo a taxa duplica a acidificación en case 4 milésimas por ano. Interpretemos este resultado.

Aínda que as das rías, polas súas condiciones térmicas e químicas, teñen unha alta resiliencia á acidificación oceánica, a conxunción de múltiples factores pode acelerar os ritmos de acidificación poñendo en perigo un ecosistema tan rico e produtivo. O descenso da dominancia dos ventos do norte así como a diminución do afloramento está orixinando unha menor renovación da ría con augas oceánicas (maior eutrofización), dando lugar a unha diminución do osíxeno e do pH, asociado este último a acumulación de CO2 xerado pola respiración dos organismos mariños. Se ben pois este ritmo meirande de acidificación non ten a súa orixe directa no CO2 antropoxénico na atmosfera, si está motivado pola lenta redución dos ventos do norte que favorecen o afloramento costeiro e a ventilación das augas interiores das rías (onde existe unha intensa acuicultura de bivalvos). Estes múltiples factores asócianse aos cambios nos patróns de vento os que si están motivados polo cambio climático atmosférico repercutindo finalmente na acidificación das nosas rías.