Cita cun raposo

Raimundo García Paz INVESTIGADOR Y PERIODISTA

OPINIÓN

CAPTURA DE VÍDEO

08 sep 2021 . Actualizado a las 09:28 h.

Cando se fai de noite en Trevonzos, achégome ao cabo da horta, para botar unha última ollada aos limoeiros. Onte, por segunda vez neste verán tardío, un soberbio raposo saíume ao paso dende o sotobosque. Parouse impertérrito a curta distancia, fixando os seus ollos en min sen medo aparente. Logo dun intre no que chegou a deitarse ao pé dun carballo, volveu a internarse na espesura do monte, coa elegancia e o desdén dun antigo fidalgo.

Unha vez que volvín para a casa, estando a piques de pecha-la porta, comprobei que o raposo seguira os meus pasos ata o hórreo próximo. Repetía así a súa ruta da primeira ocasión, na que rodeou toda a nosa morada coas últimas luces do sol. Supuxen que a miña aparencia asilvestrada outorgáballe confianza. Xa me imaxinaba unha chamada telefónica de sir David Attenborough para participar nun dos seus documentais da BBC, polas miñas dotes para atraer á fauna salvaxe.

Prohibidas formalmente as cacerías de raposos en Inglaterra e Gales, o astuto cánido xa podería recoñecer aos británicos pacíficos. Así llo diría ao veterano naturalista. Non en balde vivimos na terra coa maior densidade de raposos da península, aínda que as escopetas liquidan a unha ducia de miles cada ano. Contrariados polas baixas desta especie, os seus defensores encarecen a súa depredación de roedores...

Todo iso cavilaba eu, cando decidín achegarme á casa dun veciño, para contarlle a película que vivira co raposo desta aldea arousá. Dúas semanas atrás, este mesmo home relatárame que algún mamífero matara a tres galiñas e dous galos dun curral próximo. Ía velo coa esperanza de repoñer a dignidade do omnívoro ao seu xusto lugar, pola súa familiaridade ventureira coa xente de Trevonzos. Mal feito. Cunha frase frustrou toda a miña ilusión, atribuíndo ese fenómeno á piedade franciscana dun veciño noso. «Ocorréuselle darlle un anaco de touciño ao raposo -dixo-. Xa verás como o temos por aquí todos os días, de agora en adiante!»