Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Pontón contra a xerontocracia

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

ÓSCAR CORRAL

03 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Explicar Galicia non cabe aquí nin nos longos artigos onde as vellas glorias do nacionalismo pontifican desde a comodidade de quen non aspira máis que a mangonear poderes orgánicos, pero non a gobernar un país. Pontón, que sabe isto desde a mocidade de levar caldeiros coa cola para os carteis de inicio de campaña, non ignora que Galicia é unha xerontocracia, e que iso afecta a partidos, vilas, asociacións, fundacións e academias. Mandan e dominan os maiores (en masculino), e Pontón, canda media Executiva do BNG, comete o pecado de ser menor de 50 e aspirar a gobernar. Estalle permitido, non crean. Pero o control do consello de sabios é esencial. Pásanos algo semellante ás autoras cando somos xulgadas con condescendencia ou ás empresarias cando os xefes xubilados reaparecen para dar leccións. Pasa cando o pulo inigualábel da mocidade bate co clientelismo e as cacicadas, esa arte galaica para a que se requiren décadas de fraternidade dos iguais, sexan do partido que sexan. O relato deste BNG, tan distinto do habitual, ten moito que ver cun cambio desas formas, movendo os marcos dos pontífices e amosando outro país posíbel. Os chamáns, por iso, espernexan, mesmo se marcharon do BNG.

Desde que os corenta son os novos trinta, Pontón é nova. Hai que amolarse. Podíanllelo dicir aos nosos xinecólogos e ás nosas familias, que nos viron demasiados anos na precariedade á que nos condenaron quen puxeron un tapón no lugar que, xa hai anos, debera ocupar a xeración mellor formada deste país, esa que, en lugar de optar polo silencio, dá golpes na mesa, pois, mentres nos tiñan entretidas estudando e facéndonos crer soños de liberdade, non calcularon que aprenderiamos como matar o pai e estariamos seguras de facelo ben. Tamén no BNG.