Aquí chove

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

26 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Aquí chove. Somos donos desa peculiaridade. Este ano case quedamos sen verán. Veu visitarnos a mediados de xullo, un día, e fuxiu. Ninguén pensaba que regresaría a finais de agosto, cando en Galicia, a estas alturas, o sol brilla pero xa non quenta.

Non pensen que estaba eu moi desgustada, por moito que me guste a praia. En ningún momento afoguei de calor. Consolábame con iso e con saber que seguiriamos sendo un país verde. Se temos centos de nomes para a chuvia, que sexa por algo e que sirva de moito.

Por iso estou enfadada. Porque, de novo, síntome enganada. Logo dun verán que foi un espellismo en climatoloxía, os embalses están case baleiros. Por que? A verdadeira razón son os cartos, diso non hai dúbida. Ao prezo que está a electricidade, as (grandes) empresas que os xestionan aproveitaron, nunca mellor dito, a facer o agosto. Agora ben, quen llo permitiu, será unha incógnita. A Xunta culpa ao ministerio e á inversa. A mesma lea política de sempre. E mentres, eu, con cara de parva, pagando prezos en máximos históricos por poñer a lavadora a funcionar (un luxo, xa ven, pero teño ese vicio de andar limpa pola vida), pasando o verán baixo a chuvia e vendo como outros tiran proveito. Xa está ben. Aquí chove, si, indignación.

O que máis doe xa non é iso, senón que, a pesar de que a min me saia moi caro o centrifugado, hai a quen lavar a conciencia lle resulte insultantemente barato. Porque isto quedará en nada. Outro exemplo da Administración no coidado do medio ambiente.