Afganistán: levarlles a civilización

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

DPA vía Europa Press

24 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das utilidades prácticas de saber historia é a de entender no presente que mudou e que non mudou ao longo do pasado. Pese ao avance do laicismo e por moito que o ateísmo consciente ou práctico poida sernos garantido actualmente nalgúns estados do mundo, aínda non existe un dereito das persoas a non ter relixión recoñecido universalmente. A continuidade histórica da relixión como institución de poder e como conciencia e práctica cultural é unha das permanencias máis evidentes no devir da humanidade e no presente que nos envolve.

Levo unha semana lendo o que acontece en Afganistán e relendo -agora repítese- o que se dixo dende a saída dos soviéticos pouco antes da caída da URSS. Asistimos a outro episodio de saída e de abandono, pero desta volta Kabul 2021 lémbranos a Saigón 1975. Con toda a carga informativa que o rodea, o dominio talibán resulta insoportable aos nosos ollos, como podería resultarnos na mesma rexión o réxime iranio, o paquistaní ou saudita de presentarse a mesma oportunidade informativa brindada por un acontecemento singular. O por que da intervención é o relevante para entender a saída e evitar a melancolía sobre o que poderiamos facer as democracias. O carácter xeoestratéxico do territorio afgán como porta entre Asia e Europa é coñecido dende Alexandre Magno e os británicos soubérono -e sufrírono ben- cando construíron o seu imperio.

Sobre eses pasados imperiais está o presente de posguerra (mundial e fría) norteamericano. Amais de garantir os recursos para o seu poder económico -os mesmos que os romanos viñan buscar ao noso Caurel-, Norteamérica sempre actúa nas súas intervencións con lóxica temporal. Intervén para apoiar (Europa), para enfrontar (Vietnam), para resolver (Centro e Sur de América) e para vingar (Afganistán), pero só unha vez (Xapón) para se defender. Todas esas intervencións estadounidenses, incluído o recente ciclo de intervencións en Iraq e Afganistán, tiveron unha lóxica temporal. Outra cousa son os argumentos e a mercadotécnia bélica, porque, como cantaba León Gieco, «la guerra es un monstruo grande y pisa fuerte toda la pobre inocencia de la gente».

Dominar xa non é ocupar, pero a vontade de impor valores segue sendo un magnífico caldo de cultivo para a guerra e para o negocio. Foino historicamente para salvar as almas dos indios americanos na pía colonización do imperio católico que perdurou no formato Enciclopedia Álvarez, agora tan reivindicado. Foino tamén cando, como nos conta Amin Maalouf, os franceses revolucionarios desembarcaron no Líbano para facer cidadáns e só atoparon un zapateiro xacobino que os entendera. Nin a guerra nin o imperio transmiten hoxe valores, nin podemos invadir Afganistán para liberar ás mulleres como pedira hai vinte anos Laura Bush. Poren os valores existen xaora e teñen autonomía, entre eles o valor de non ter relixión ou o de ser pacifista.