Afganistán, Haití, Ceuta

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

DPA vía Europa Press

22 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Difícil escapar da realidade e mirar para outro lado, por máis que nos gustaría. Ao encabezamento destas liñas poderiamos engadir o cambio climático, que xa non é unha fantasía, as pateras cruzando o Mediterráneo ou o mar das Canarias, os mortos da desesperación que non chegan ás praias, os incendios que castigan Turquía, as illas do mar Exeo, Sicilia, California, a Amazonia, Siberia, a fame en África, os campos de refuxiados, furacáns e inundacións no Caribe, homes escravos, mulleres escravas, nenos e nenas escravos… E o medo. Medo e egoísmo suicida: sobre todo no primeiro mundo, que é o noso, os territorios da opulencia que ven ameazado o seu nivel de vida e cerran portas, sálvese quen poida!, ao tempo que intentan manter e a ser posible aumentar o nivel de beneficio alí onde instalan os seus negocios: extracción de enerxía, materias primas, mineral, madeira, pedras preciosas…

Hai algúns anos, nos primeiros días deste século, apuntei nunha destas mareas catro grandes cuestións chamadas a condicionar as nosas vidas: as desigualdades sociais (entre pobos e entre persoas), o conflito das identidades (culturais e políticas), o problema do clima e a xestión tecnolóxica. As desigualdades son evidentes, aceleradas co modelo neoliberal de crecemento: os ricos cada vez máis ricos e os pobres cada día máis pobres. O conflito das identidades ten moito que ver co ordenamento mundial e a incapacidade para establecer valores comúns compatibles coa diversidade, cuestión nada doada que esixe espazos de encontro, diálogo e lexitimación hoxe dinamitados. Por perder, mesmo perdemos o espírito do dialogo. O problema do clima entra en conflito directo cos intereses dos grandes capitais que operan sobre o planeta. E a xestión tecnolóxica, que debería e podería ser un recurso fundamental para abordar moitos dos problemas anteriores, está monopolizada por axentes fóra de control que, por non dar, nin explicacións dan.

Na miña memoria de mozo, o mes de agosto era de festa. Non vou dicir que calquera tempo pasado foi mellor porque non é certo. Como digo sempre, en moitísimas cousas demos pasos xigantescos. Velaí a precisión e a celeridade con que abordamos a pandemia da covid, por exemplo (iso si, no primeiro mundo!). Pero segundo avanza o progreso tecnolóxico e avanzan as posibilidades de confort, debería avanzar de igual maneira a xestión deses recursos, o equilibrio que impedise o abuso dos máis fortes (ou dos mais afortunados no posicionamento xeográfico), a racionalidade da xustiza entre os pobos e as persoas, os valores da convivencia (que en gran medida son valores de supervivencia). A imaxe deses neniños e neniñas atravesando o deserto, aganchando os arames de espiño, ás veces empurrados polos seus pais, que queren sacalos do inferno, rompe o corazón. Ao final, as vítimas sempre son as mesmas.