Os talibáns son bárbaros. E nós?

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

STRINGER

18 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai dúas maneiras de andar polo mundo: á propia bóla, pasando de todo, ou dun xeito consciente. Ese último implica padecer cando os demais padecen, entender que un non pode ser feliz se hai seres humanos noutro lugar que padecen a inxustiza, a escravitude, a dor. Sartre explicouno nese libro breve pero cargado de razóns que titulou O existencialismo é un humanismo: son responsable de toda a Humanidade, non podo ollar para outro lado.

O que está a acontecer estes días en Afganistán non só é grave para a xente que vive alí, é grave e inaceptable para todos os que, dende a comodidade do noso mes de vacacións, pontificamos sobre calquera cousa. Porque igual que hai dúas maneiras de andar polo mundo, hai tamén dous xeitos de entender o mundo: como algo ao que pertenzo ou como algo que me pertence. A segunda opción, neste caso, é a incorrecta. Ler, como estes días estamos lendo, que o asunto afgán é un problema dos afgáns, e que polo tanto a min que me deixen tranquilo que xa empezou a Liga, é inmoral e impresentable. A primeira opción, a de entender que eu pertenzo ao mundo, á comunidade humana, independentemente da bandeira coa que me identifique, é a verdadeiramente moral e defendible. Por iso, porque somos seres morais, non podemos ollar cara a outro lado.

Se a comunidade internacional non toma a iniciativa en Afganistán, como si o fixo en Cuba ou no seu día con aquel Tridente Libertario das Azores, en Iraq, non temos dereito a chamarnos humanos. Nin sequera seremos inhumanos. Seremos, simplemente, antihumanos. O tema vai contigo e comigo. Vai con aqueles aos que votamos para que nos representen e que, por suposto, teñen que preocuparse das vacinas e do estado das estradas, pero tamén quero que cos meus impostos axuden a conseguir un mundo mellor. E eu, tan inimigo dos exércitos, desta volta, pregúntome para que están. Porque se non están, os millóns de millóns de millóns de millóns de euros que os exércitos occidentais consumen todos os anos, para facer o ben (e arrasar aos talibáns, sacalos do mapa, devolverlle ás mulleres afgás o seu dereito á vida, iso é un ben), se non están para iso, daquela vai ser certo que só están para manter unha estrutura de poder e económico para enriquecer un chisco máis a algúns inmoralmente ricos.

Se a comunidade internacional non entende que o problema afgán é un problema de todas e de todos, daquela que ninguén máis volva coller un micro para falar de paz, harmonía e entendemento entre os pobos. Se algún dirixente volve facelo no futuro, temos dereito a vomitar e a soltar calquera barbaridade. Porque os talibáns son uns bárbaros, pero se non intervimos, nós tamén somos os bárbaros. E eu, dende logo, non quero vivir nun mundo dominado pola barbarie. Así que actúen. Ou pechen exércitos, ministerios de Defensa e de Exteriores para sempre. E por certo: non tarden.