Doña Emilia e Joaquín Vaamonde

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

20 ago 2021 . Actualizado a las 20:03 h.

Un día de agosto de 1894 presentouse no pazo de Meirás, onde Pardo Bazán pasaba o verán, un mozo de vinte e dous anos, guapo, esvelto, de rostro expresivo e aspecto romántico. Chamábase Joaquín Vaamonde, era galego, de familia modesta e pintor. Regresara de Arxentina onde traballara en múltiples oficios para sobrevivir. Tiña a pretensión de facerlle un retrato a doña Emilia, e que, se era do seu agrado, o expuxese na súa casa de Madrid, á que acudían membros da aristocracia e importantes cargos da política.

A doña Emilia non lle gusta que a retraten. Ten corenta e tres anos, é lixeiramente vesga e a súa papada empeza a ser demasiado evidente, pero algo a leva a aceptar a petición de Vaamonde.

En só tres días o retrato está terminado e supera todas as expectativas. Nel vese a doña Emilia de semi perfil, mirando de lonxe, con expresión serena, un pouco melancólica e o leve inicio dun sorriso, como quen contempla un fermoso atardecer sobre a ría que se divisa desde Meirás.

Exposto en Madrid, o éxito é inmediato, Vaamonde ten un don especial, unha elegancia que traslada ás súas obras. Chóvenlle os encargos da aristocracia e tamén de membros da realeza. Convértese no pintor de moda e os xornais considérano o sucesor de Madrazo. Recibe encargos de París e de Londres. E aos cinco anos regresa a Meirás, enfermo de tuberculose e alí, xenerosamente coidado pola nai de dona Emilia, morre aos 27 anos.

Dona Emilia converteuno no protagonista de La Quimera. Aí conta con detalle como se realizou aquel primeiro retrato que o catapultou á fama: a máis bela imaxe de dona Emilia na súa plenitude de artista e de muller.

Desa obra consérvase unha reprodución fotográfica no Arquivo da RAG. O orixinal está «en paradoiro descoñecido». Mágoa!