A verbena galega, en loita

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

17 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A xente do país leva dous veráns sen verbenas. Nos anos oitenta e noventa as festas resistiron grazas ao gusto polo baile da xeración dos nosos pais, seguramente a xeración máis bailadora da nosa historia, pese á fuxida en masa da mocidade de entón cara ás discotecas e ós pubs. Pero os fillos e fillas dos boomers saíronnos tan festeiros como os avós e, sen saber como, centos de grupos de mozos e mozas empezaron a percorrer as festas galegas detrás da Panorama, do Combo ou da París, como antes ían os avós detrás da Sintonía, a Compostela, os Satélites ou a Trébol. Na idade douro da festa galega xuntáronse de súpeto dúas xeracións bailando e unha terceira mirando. Logo pasou o que pasou.

As festas patronais con música acabaron en marzo do ano pasado e cinco ondas de covid despois aquí seguimos. Dende que rematou a guerra incivil non houbo un verán sen as tres mil verbenas que alumean as noites de calor en Galicia. Das romarías e as xiras ata as verbenas como as coñecemos, nunca deixaron os nosos de bailar e cantar para desmentir o tópico dos galegos choróns. De paso, tamén desmentiron o tópico do individualismo e a falta de cooperación, ou de unión, organizando as tres mil comisións de festas que un ano tras outro recollen os cartos da veciñanza para contrataren orquestras e foguetes. Unha auténtica economía do lecer e da cultura popular que nunca necesitou animadores, políticas públicas nin subvencións (agás nas cidades).

Dúas tempadas enteiras son moito tempo para os milleiros de profesionais da música e as súas empresas. Temos escoitado queixas a esgalla de moitos sectores sobre as dificultades para resistir nestas condicións de pandemia, pero case todos tiveron un mínimo alivio ou algunha vía de escape. En todo este tempo, por exemplo, seguiron vindo peregrinos polo Camiño de Santiago e nos últimos meses con moita intensidade, os bares e restaurantes pelexaron coas terrazas e as capacidades, as igrexas nunca pecharon, pero verbenas non houbo.