Música na ponte do Burgo

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

CAPOTILLO

15 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O próximo 20 de novembro cumprirá 88 anos. Eduardo Dapena Lis, Cholo, segue sendo presidente de honra do Pontevedra CF, o Pontevedriña do «Hai que roelo», que tantas alegrías deu aos rapaces da miña adolescencia. Por algunha parte deben andar aínda os cromos e as caixas de mistos co seu retrato, xunto con Batalla, Calleja, Odriozola, Neme, Martín Esperanza… que lle gañaron 3-0 ao Real Madrid de Sanchís, Pirri, Amancio e Gento. Ei, carballeira! Tardes de gloria. Os pontevedreses cruzaban cantando pola ponte do Burgo, con música de charanga e gaiteiros, de volta do campo de Pasarón, e o equipo despachaba cos máis grande, entre os primeiriños da Liga. Lembro ao meu pai agarrado ao transistor, sentado no paseo de Monteporreiro, escoitando os partidos, e polas noites os canillazos de Ricardo Barajas e Fuentes Mora, en Radio Pontevedra.

 Así era o mundo daquela. Cholo, que xogada de lateral esquerdo, era o capitán. Ninguén discutía a súa autoridade. Dende as bancadas, os seareiros aplaudían a rabiar cada vez que pillaba a pelota. «Dálle, Choliño!». Xogar co Barcelona no Camp Nou ou cruzar España para xogar co Sevilla, por exemplo, significaban días de viaxe en autobús, adestrando como podían nos campos que visitaban. Foron oito ou dez anos magníficos. Durante a semana, entre partido e partido, Cholo conducía o trolebús eléctrico que facía a liña de Pontevedra a Lérez, ou dende a capital a Marín. De feito nacera en Lourizán, onde as antigas cocheiras dos troles, e entrara moi de mozo na compañía, que lle daba permisos para poder xogar e adestrar fóra de horario laboral. Alí gañaba o pan de cada día para termar da familia, non no fútbol, malia os aplausos da época. «Canto máis diñeiro gañei nun ano en Primeira División foron 200.000 pesetas», confesou unha vez, xa retirado, a este xornal.

Venme Cholo á memoria nestes días de rebumbio mediático arredor das grandes estrelas do balón. O caso Messi, por exemplo. Bágoas en Barcelona e foguetes en París. O mundo mudou moito dende aqueles primeiros anos da década dos 60, abofé. Para ben en moitas cousas. Para non tan ben noutras.

Os luns, despois do partido, os rapaces amoreabámonos na porta do trole para ver a Cholo, sobre todo despois da vitorias en Pasarón. Nunca deixaba o volante. Mentres se conduce, non se fala. Os nosos pais poñíannolo de exemplo de seriedade, talento no campo e responsabilidade no seu primeiro oficio. Todos queríamos ser como Cholo. Era o espello no que nos mirabamos, compatible coa gloria dos domingos e a prosa de cada día no traballo.

Lonxe estaban os Ronaldinhos, os Cristianos, os Sergio Ramos… Por perder, perdemos tamén os cromos. E as caixas de mistos. Pero as tardes aquelas de Pasarón, cos seareiros cantando e as músicas a cruzar pola ponte do Burgo de regreso das grandes batallas, a miña xeración nunca as esquecerá.