A. Álvarez Gándara: «in memoriam»

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

13 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai moitos días, o 2 de agosto, Alfonso Álvarez Gándara foi durmir fóra. Tiña 82 anos cando nos deixou. Eu tratábao desde moi novo, cando xa era un brillante avogado en Vigo, un excelente conferenciante e un cidadán que facía importantes incursións no eido das Letras, ás veces moi arriscadas.

É imposible non lembrar o seu artigo La iglesia no habla la misma lengua que los gallegos, publicado no semanario madrileño de Acción Católica Signo, en decembro de 1966. Cómpre aclarar dúas cousas: a lingua denunciada non era o latín e xestionaba a información en España o ministro vilalbés Manuel Fraga Iribarne. O semanario, monograficamente dedicado a Galicia e no que eu colaborei, foi prohibido. E cando o artigo de Álvarez Gándara semellaba esquecido, La Voz de Galicia outórgalle o premio Fernández Latorre e reprodúceo o 26 de xullo de 1967, aínda acesas no Obradoiro as faíscas dos fogos do Día de Galicia. O feito provocou unha polémica na que non escasearon os artigos aldraxentos á beira dos laudatorios, un deles de Augusto Assía (Felipe Fernández Armesto). Hai dous días lembraba e examinaba este affaire Jesús Flores na páxina de La Voz de Galicia dedicada aos «tesouros» do xornal.

O texto de Álvarez Gándara, do ano 1966, aínda é merecente, hoxe, dun debate público. Na mesma preocupación está a antoloxía publicada na editorial Castrelos (Vigo, 1973) co título Falemos galego (50 textos de onte a hoxe), que el compilou e prologou. Sei que foi moi solicitada.

No eido das Letras, foi, tamén, un poeta, sempre devoto do soneto, un deles histórico. É un canto a Miguel Hernández, escrito en 1967, XXV cabodano do grande e infortunado poeta. Conta o autor que o enviou, polo menos, a «quince periódicos» e que ningún o publicou. Fíxoo La Voz de Galicia, case dez anos despois, o 9 de maio de 1976. Supoñemos que Fraga Iribarne remelaba os ollos cando lía «Tu voz, Miguel, ... / en el vientre de España quedó escrita».

A Alfonso e a seu pai, o doutor e escritor Darío Álvarez Blázquez, débelles a miña familia delicadas xenerosidades. Abur, compañeiro, e que a terra che sexa leve!