Medallas olímpicas madrileñas

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Mariscal | Efe

10 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Farase a conta das medallas olímpicas por autonomías logradas nestes Xogos Olímpicos e volveremos comprobar con asombro a desproporción entre palabras e feitos. Non a fixen cando escribo isto pero, descontando as tres de equipos, entre as quince medallas restantes atopamos deportistas de todos os territorios hispanos pero se non me fallan as contas só unha de Madrid. As demais só pasan por Barajas. O significado que teña esta realidade contable queda fóra destas liñas agora, porque daría para moita especulación apresurada e mesmo para moita demagoxia. O interesante non é a resposta senón a pregunta. Por que Madrid nunca logra máis medallas que Galicia ou Castela-A Mancha?

A pregunta é obrigada. Non xa polo inercial centralismo histórico da capital do Estado, nin pola crecente concentración de poder económico e político que experimenta nos últimos tempos, senón sobre todo polo novo madrileñismo españolista que veñen construíndo as súas presidentas, de Aguirre a Ayuso, e que tende a expresarse máis como intento de dominio que como a manifestación do evidente predominio que a capital do Estado e a súa provincia convertida en comunidade autónoma acumulan.

As competicións deportivas olímpicas foron concibidas como unha manifestación pacífica da confrontación entre nacións xusto dúas décadas antes de que os nacionalismos militaristas de estado desatasen a violencia indómita da que nos fala Julián Casanova no seu último libro. O deporte fora construído na era da burguesía para substituír aos xogos e ás celebracións elitistas e ostentosas da aristocracia. Do Antigo Réxime só a caza sobrevivira, se descontamos as touradas hispanas, cando se celebraron os primeiros Xogos Olímpicos da nova era. As novas competicións deportivas e as súas normas, tanto as individuais como as de equipo, recollían as ordenadas lóxicas cartesianas e os novos ritmos industriais. A disciplina do mundo moderno era a da liberdade, vinculada ao diñeiro, fronte a do mundo antigo que era a do privilexio, vinculado ao nacemento. O reloxo e o sistema métrico fronte ao lecer eterno e as medidas variables. Pouco a pouco as masas tamén irían entrando nas competicións deportivas das novas elites burguesas do mesmo modo que entraron nos parlamentos. Unha recente serie, británica por suposto, conta para o fútbol a conversión dun deporte amador da elite burguesa nun deporte profesional para a clase operaria: Un xogo de cabaleiros é o seu título.

Por todo isto interesa a pregunta que reitero despois de cada olimpíada. Por que Madrid consegue tan poucas medallas nos xogos olímpicos? Que significado ten?