Máis importante có covid

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Andreu Dalmau | Efe

10 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Que a pandemia tiña visos de rematar foi só un espellismo. Tan só un par de días nos que as novas que abrían as portadas dos xornais e noticiarios se dedicaron ao problema político de Cataluña.

Ilusa de min, pensei: ó covid xa lle queda pouco, que hai quen lle resta protagonismo. Mais pouco durou, logo volveu reinar o virus. Volveron as ondas, os picos, os colapsos, os contaxios masivos, as vacinas para arriba e para abaixo... e todo o meu gozo, nun pozo.

A situación segue igual de preocupante ca nestes últimos días. Pero... hai un cambio nas novas. Agora o que importa é Messi. Porque somos así. O fútbol arrampla con case todo.

Non serei eu quen diga que este non sexa un bo deporte, nin que a marcha ou permanencia dun xogador non resulte de relevante importancia, pero o certo é que non deixa de sorprenderme. Temos estes días unha chea de exemplos de deportistas que eran practicamente descoñecidos ata que nos agasallaron un meritorio posto nos Xogos Olímpicos que veñen de clausurarse. Adestraron no anonimato sen escatimar esforzos e sacrificios, sen loas. Ben as merecen! E, de súpeto, toda a maxia se borra por mor dun contrato estratosférico dun só xogador.

A min, que non me chegan os artigos para citar a tanto deportista galego que nos fixo emocionar e brincar de emoción, permítanme que use esta columna para darlle os parabéns a eles. Grazas! Sodes exemplo!

Do outro... gardo a esperanza de que a sona da nova sexa síntoma de que o covid se vai despedindo. Nada me gustaría máis.