Cumprindo con Galicia

José Miñones Conde DELEGADO DO GOBERNO EN GALICIA

OPINIÓN

JOSE PARDO

08 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O exercicio de rendición de contas que fixemos esta semana na Delegación do Goberno permitiunos expoñer aos galegos os fitos alcanzados no primeiro semestre do ano, o alto grado de cumprimento dos compromisos adquiridos, e corroborar que o Goberno de Pedro Sánchez cumpre con Galicia.

Hai compromisos que xa son históricos, e algún deles, polo seu calado, xustificaría a acción política dun Goberno de España en Galicia. Estou a falar da maior rebaixa da historia nas peaxes da AP-9, cun desconto de polo menos o 50 % para 61.500 galegos. Cumprir en tempo e forma non foi doado pero o acordo deixa un futuro libre das cargas que se viñan arrastrando por decisións de gobernos anteriores, sen queixas daquela pola Xunta.

Non é o único exemplo, recentemente temos unha prórroga do escudo social para protexer aos máis vulnerables que asegura a 87.000 galegos que ninguén lles corte a luz, a auga e outros servizos básicos. Unha forma distinta de afrontar unha crise.

Son apenas dous exemplos do compromiso con Galicia, pero o exercicio de rendición de contas, e que debería estenderse á Administración autonómica, corrobora que o grao de cumprimento vai máis aló. No primeiro semestre do ano, o Goberno realizou un investimento directo de 3.909 millóns en Galicia. Son case 4.000 millóns para a actividade económica e social de Galicia para afrontar a pandemia, dar resposta ás necesidades inmediatas e avanzar nos proxectos de futuro. Son 3.909 millóns de compromisos cumpridos en tan só seis meses.

A esta inversión directa hai que sumar 9.621 millóns en transferencias á Xunta. Só as transferencias ordinarias supoñen 2.936 euros por galego fronte aos 2.572 euros de media nacional por habitante. Son case 400 euros máis, e, tal e como sinalan os especialistas independentes, representa o 6,9 % dos fondos cando Galicia ten o 5,7 % da poboación. Criticar a un Goberno que fai transferencias récord ata alcanzar os 9.621 millóns só para este ano non só é unha deslealdade institucional, senón tamén unha incoherencia. De xeito obxectivo, trátase dunha discriminación positiva.

De feito, son 9.621 millóns de compromisos cumpridos con Galicia para que a Xunta desenvolva políticas sanitarias, sociais, educativas, de vivenda, económicas, agrícolas, industriais…

Creo que non hai mellor forma de demostrar a lealdade institucional do Goberno coa Xunta. Non hai mellor forma de demostrar a discriminación positiva que beneficia a Galicia. E non hai mellor forma de demostrar o compromiso do presidente, Pedro Sánchez, cos galegos e as galegas.

Cumprimos no pasado e cumprimos no presente. Facémolo tamén en época de crise con políticas sociais que non teñen a visibilidade dunha obra (AVE, autovías, depuradoras, rede ferroviaria…), pero si un impacto inmediato e directo sobre a nosa xente: revalorización de pensións, axudas a autónomos, ERTE para traballadores, avais para empresas, Ingreso Mínimo Vital...

E ímolo a seguir facendo, e por iso xa comprometemos máis e maiores transferencias para o 2022, non só á Xunta, senón tamén aos concellos, máis de 22.000 millóns en toda España para a recuperación e atención social.

Animo a todas as administracións galegas a traballar unidas e solidariamente na oportunidade que supón estes recursos sumados ao de Plan de Recuperación. Temos as capacidades e temos os recursos. Por nós non vai quedar. Desde o Goberno de España cumpriremos!