Mellor ser toureiro que escritor

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Julián Pérez | Efe

06 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

É moito mellor ser toureiro que escritor. Compensa moitísimo máis. Á segunda actividade, ser matador de touros, chámanlle «facer arte» e se es bo niso da lidia, as verónicas, as voltas e as reviravoltas chámante «maestro». Probablemente chamarante «maestro» moitos dos que aos mestres e mestras de verdade lle cuestionan a autoridade. Pero aos «maestros» eses da monteira non se lles cuestiona case que nada.

Digo que é mellor ser toureiro que escritor. Neste país. Por exemplo, á hora de recibir o premio nacional. Por incrible que lles pareza, o Ministerio de Cultura de España, que é onde cae o asunto da tauromaquia (si, en Cultura) outorga, cando concede o Premio Nacional de Tauromaquia (si, existe iso) ao gañador a cantidade de 30.000 euros. Non obstante, o Premio Nacional de Literatura, que outorga tamén o Ministerio de Cultura, só está recoñecido con 20.000 euros. Por iso digo que compensa. Cando menos neste lugar do mundo que chamamos España. O Goberno, a oficialidade, o ministerio, a xente docta que ocupa esas cadeiras, consideran que debe ser máis e mellor recompensado o oficio de toureiro que o de escritor ou escritora. Poden vostedes pensar que 10.000 euros de diferenza non é gran cousa. Pero si que o é. Dende o punto de vista simbólico si que o é.

A lidia de touros, ou sexa, o espectáculo de tortura en directo, diante de xente, dun mamífero ata a súa morte logo de humillacións varias, é unha actividade legal en España. Non entendo como dende Bruxelas, sempre tan atentos a todo o que lexislamos ou deixamos de lexislar, sempre pendentes de a ver por onde nos poden tirar das orellas, non se di nada sobre esa barbaridade que resulta totalmente inxustificable dende ningún punto de vista. Como unha vez dixo Joaquín Sabina: entendo os argumentos dos antitaurinos. Isto dos touros é unha salvaxada, pero mira, a min gústame.

España, que máis, ten unha das lexislacións máis avanzadas do mundo, e mellor feitas dende un punto de vista ético, no referido ao maltrato animal. Cando abrimos as redes sociais e atopamos imaxes de canciños desnutridos ou golpeados polos seus donos, arrepiámonos e poñemos toda clase de improperios, que non quede dúbida da nosa actitude comprometida coa cultura animalista. Non obstante toleramos ao mesmo tempo que incluso na televisión pública española haxa un programa dedicado á tauromaquia.

Estes días a Comunidade de Madrid de Ayuso recibiu fortes críticas por esixir ao Goberno de España a baixada do IVE dos «festejos taurinos» do 21 ao 4 por cento. O seu partido, unhas horas antes, votara en contra da baixada do IVE da luz. Por certo, o 4 por cento é tamén o IVE dos libros. En nada, mercar unha entrada para os touros, con puro incluído, vai ser máis barato que mercar un libro. Olé.