Vivir con violencia de xénero

Concepción Rodríguez Pérez PSICÓLOGA SANITARIA E VOGAL DA XUNTA DE GOBERNO DO COLEXIO OFICIAL DE PSICOLOXÍA DE GALICIA

OPINIÓN

Álex Zea

04 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivir nun fogar onde hai violencia de xénero non é vivir; vivir con violencia é apenas sobrevivir. Levantarse cada día cos sistemas internos de protección en estado de alarma e continuar a camiñar forzando o propio instinto, que ordenaría fuxir; mandaría saír á présa, correr...

Mais ficas, non sabes nin como, todo vai sucedendo pouquiño a pouco, foise normalizando o anormal, un algo un día, outro algo outro. Pasando para a sala do inconsciente tanta absurda incoherencia. Pareceu necesario resistir un pouco. Nesa sala, fóra das vistas, vaise minimizando o que é inminimizábel. E, polo menos por un tempo, consegues ir facendo os ollos da carne máis pequeniños, así as imaxes non parecen tan duras. É dese xeito como se aprende a apagar a voz de dentro, a voz das vísceras. Atenta ao que sucede fóra de ti, no entorno máis inmediato, tentando anticipar, vivindo como se fose unha sala de espera a propia cama ou a cociña. Despois outras voces que alimentaban a túa, a dos amigos, a das amigas, a da propia nai, irán deixando de se ouvir. Péchalas fóra de ti, porque non podes atender a sobrevivir e vivir ao mesmo tempo. Imponse sobrevivir agora.

De onde vén a túa submisión a esta patriarcal orde que, mesmo inaudíbel, che manda aguantar, claudicar, calar, calar, calar e ás veces chorar. Por que, por que renuncias a vivir? Foi sen querer, foi sen saber, foi polos nenos, polas nenas, polos veciños, polo que dirán... o non saber como saír adiante doutro xeito. A vergoña, o medo ao fracaso, o medo aprendido, o medo tatuado polos invisíbeis mandatos sobre a túa vontade, forzando a facer, forzando a non facer, forzando... E dentro vendo como as forzas se esconden das pernas, como conseguir irse así? E para onde, se a nube da intranquilidade, da inseguridade, non deixa enxergar o camiño?! E os sentimentos, eses sempre aí magnificados, reclamando seren o centro. Aprendiches a querer sen medida, a mirar para fóra sempre antes, e só despois para ti. Se aínda foses unha superheroína, sairías; e acaso iso é escolla túa? Ah se o ser dependese da vontade, mais non depende, non, o ser corre por dentro de ti, como un cabalo amansado por outros, e aínda non alcanzas a que te obedeza a ti nesta batalla. Ah... mais o día en que o consigas! O día en que o apañes coas túas propias rédeas, ese día sairás galopando pola túa liberdade adiante. E nunca máis te deixarás amarrar coas mesmas ataduras. De aí en diante, si, vivirás!