Canta violencia

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

GUARDIA CIVIL

31 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Leo que os delitos de odio aumentaron, neste primeiro medio ano, un 10 %. É tan preocupante isto como que non me sorprenda absolutamente nada. Era visto!

Que esperabamos cando o que vivimos, continuamente, é un estado de violencia continuo? Verbal, física e mental. Botamos o día berrando. As rúas están ateigadas de agresións. Así se manifesta a sociedade contra o que non é a convención, ou non consideramos correcto. Vaia xente evolucionada, eh! Na política é o pan e cada día e iso é un reflexo da nosa sociedade, ou unha guía. Eles son os que nos representan. De feito, nós temos o poder de elixilos para tal finalidade. Digo eu que votaremos por quen queremos que sexa a nosa cara, non? Velaquí o que decidimos, o que temos, o que formamos, o que somos.

Nin sequera se poden manter conversas tranquilas. Estamos afeitos a disgregar todo: dereita/esquerda, fútbol/baloncesto, gordo/delgado, Depor/Celta... como se a vida fose un campo de batalla en guerra continua na que nos tiveramos que dispoñer en bandos enfrontados, loitando a morte. Estamos converténdonos niso, nunha arma sempre cargada agardando o instante no que poder lanzar o proxectil. Quizais non sexa tan difícil mudar a situación. Temos dúas orellas e unha boca. Deberiamos escoitar o dobre do que falamos. Tamén subir o volume do oído e baixar o da voz. Non sempre hai que ter a razón, nin debe ser así! O que non podemos esquecer xamais é a vontade, e a bondade. E iso, por desgraza... xa é outro conto.