Cando a tenista Naomi Osaka se retirara do Roland Garros para coidar de si mesma, da súa saúde mental, pensei no importante que podería ser para outras persoas na súa situación ver que unha pode decidir facer unha pausa para coidarse cando xa non pode máis. Da igual quen sexas, grande ou pequena, persoa pública ou privada, a saúde mental non discrimina, e todos estamos expostos a sufrir por mor dela nalgún momento das nosas vidas.
Esta semana, cando a ximnasta Simone Biles se retiraba da final individual dos xogos olímpicos volvín a pensar o mesmo. De súpeto, comezaron a saír novas sobre outros deportistas de elite que pasaron por situacións similares, coma Andrés Iniesta ou Michael Phelps, e ao lelas decateime de que, nalgún momento deste ano, o xeito que tiñan algúns medios de falar destas cousas xa mudara. A normalización da saúde mental é importante, e por graza ou por desgraza, os medios de comunicación teñen unha responsabilidade á hora de facernos entender que non hai nada malo no feito de querer parar para coidar a saúde (mental ou física) dunha.
Pero non son só eles (superdeportistas, superartistas...) os que sofren. Ninguén se libra da presión. E aínda que eles, polo seu perfil público, teñen o peso do mundo enriba, a realidade é que hoxe, máis ca nunca, hai unha xeración de xoves e non tan xoves exposta á constante micropresión das redes sociais, esa presión que semella que non nos afecta, pero que xa está demostrado que fai moito dano. Os medios teñen unha responsabilidade, si, pero nós tamén, pois a nosa opinión anónima (esa que damos nas redes sociais case sen pensar), tamén importa, e moito, na saúde mental dos que nos rodean.