Vila olímpica: divididos polo covid

Ricardo García Mira CATEDRÁTICO DE PSICOLOXÍA SOCIAL NA UNIVERSIDADE DA CORUÑA PROFESOR INVITADO NA UNIVERSIDADE DE TOKIO.

OPINIÓN

Juan Ignacio Roncoroni

27 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Xapón declarou o cuarto estado de emerxencia debido ao covid-19, o que está a ameazar a cita olímpica. A actividade económica, sen embargo, continúa implacable. Como observador, paréceme detectar ambivalencia. Decenas de miles de cidadáns saen diariamente á rúa, circulan no metro, nos parques e grandes áreas comerciais de Toquio e gozan da creativa exposición TeamLab*Borderless. Unha magnífica representación de luz e cor, na que conflúen arte, ciencia, tecnoloxía e mundo natural, e da que son autores os mesmos que fan posible a cerimonia inaugural dos Xogos Olímpicos.

Hostelería e negocios están abertos, aínda que, sen dúbida, hai un serio impacto sobre o número de clientes debido ao peche do país ao turismo. Apenas se ve un só policía, proba irrefutable de que unha sociedade educada no respecto, que é quen de desenvolver unha conciencia sensible á colectividade, non precisa que llo lembre a autoridade.

Os xaponeses saben responsabilizarse. O acceso ao país conta cun control perfecto anticovid. O uso de mascariña, termómetros e xel desinfectante está xeneralizado. A educación encargase do demais. Sen dúbida, é o máis importante desta sociedade oriental, e non estaría mal que se priorizara en Occidente sobre outros recursos. Unha educación na que, desde estes días de experiencia universitaria en Toquio, estou a observar que son as mulleres xaponesas quen mellor están a captar esta idea. Ven nela a mellor oportunidade de que as mensaxes feministas de Occidente calen rápido e impregnen doses de liberación e activación do novo tipo de muller xaponesa independente e ben preparada.

Mais volvendo á cita olímpica, a advertencia do comité organizador de cancelala provocou alarma no Comité Olímpico Internacional. A xente por aquí está triste e dividida, aínda que o lema dos Xogos sexa «Unidos pola emoción» e as enquisas digan que está en contra. Mentres uns ven o que significa para a economía, e ven hoxe con tristeza o Estadio de Toquio baleiro, outros temen o peor, a expansión do virus. Lóxica división. Con todo, terá que se impor a racionalidade. Os deportistas chegados de todo o mundo deben responsabilizarse tamén.