Somos uns maleducados

María Canosa
Maria Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

25 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai que ver que maleducados somos os galegos. Non se nos ocorre outra que ter un idioma propio. A quen se lle conte! Para máis, a pesar das agresións continuas ao que o sometemos na historia, segue vivo. Isto con moito esforzo! A piques estivo de desaparecer. Ata hai unha época denominada «séculos escuros». Pero, milagres da humanidade, aínda hai quen turra por el. Isto convértenos en maleducados. Non temos nada mellor que facer que preparar carteis no noso idioma. Si, eses eventos que, en gran medida pretenden ser unha táboa de salvación para a nosa lingua, promocionando a cultura e a idiosincrasia propia, están anunciados en galego. Así non se pode vivir!

E se vén un de Astorga e non entende? Ou un alemán! O normal sería publicitar un grupo de música que cante en galego en castelán. Ou en inglés! Non vaia ser que quen veña velo se decate de que é unha cultura propia e poida chegar a admirala. Ai, iso non, que aquí iso non se leva. Admirar o galego? Coma se fose un tesouro ter identidade propia! Onde imos parar! O único que pasa é que somos maleducados. Se eu fose mirar un ballet ruso agardaría que me deleitasen cunha sardana, cunha gaita na música, ou coa letra en chinés. Que para iso vou coñecer outra cultura. Que ignorancia a nosa, de verdade. Que estupidez sentir fachenda do propio.

Fan moi ben en protestar e poñer o berro no ceo. Porque é inadmisible que aínda exista cultura en galego. Que mala educación! Por riba, irónicos! Ai, se lles contamos da retranca...