O día das galegas e galegos

Francisco Castro
Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR

OPINIÓN

Óscar Vázquez

24 jul 2021 . Actualizado a las 12:32 h.

Este 25 de xullo volvemos celebrar, como cada ano, o Día de Galicia, ou da patria ou da matria, en todo caso, o día no que nós queremos reivindicarnos coma «Nós», así, con maiúscula. Un día de orgullo patrio ou matrio para situármonos como sociedade e cultura singular, os galegos e as galegas, os que somos daquí, desta terra con fala de seu. Castelao deixou claro que o que nos fai galegos é o idioma. Acontece así con todas as culturas e grupos humanos. Fichte, aquel filósofo romántico do XIX dixo que un país o era se tiña cultura de seu, terra de seu e fala de seu. Daquela, dicimos Galicia e dicimos a nosa terra e aí o «nosa» vai moi en serio.

Este 25 de xullo, que cae en domingo, para moitas persoas será, simplemente, o do camiño e o xacobeo, que está moi ben, que é moi importante, que temos que defender a morte por todo o que de bo nos aporta. Pero por sorte, Galicia é moito máis. É iso, pero é moito máis, e é un erro estratéxico reducilo todo ao camiño, centrar todos os esforzos no camiño.

Do que se trata é de camiñar, máis que do camiño.

Galicia é, insisto, moito máis. Galicia é Afonso X, o rei-poeta que naceu hai oito séculos e que, sendo rei de Castela, escolleu o galego para escribir as súas Cantigas. Sabía que o idioma «culto» é o galego. Ben estaría que os galegos de hoxe non o esquecesen. Galicia é a modernidade do 5G mais é a terra dos mil furanchos onde os pementos de Padrón pican sempre e a cervexa galega moito máis ca unha relixión. Galicia, pois, con todas as súas contradicións, cun rural que ás veces non se entende coas cidades, e cunhas urbes que ás veces semella que queren entenderse máis con Nova York que co resto das cidades. Canto mellor sería que traballásemos unidos que envelenados por tanto e tanto localismo electoralmente interesante pero letal en clave de país. Por iso Galicia, ás veces, é unha fenda no mapa, un lugar onde norte e sur non se aclaran, onde o interior se sente máis aillado do que en realidade está. E logo está Portugal. Galicia linda con Portugal e non se decata ou quere decatarse dese feito xeográfico, político, económico, histórico e cultural. Temos pasado común. A mesma lingua aínda que a escribamos diferente. E Valença do Minho ás veces semella tan allea… temos que corrixir iso. Ollar cara Porto e Lisboa. A nosa economía había agradecelo. A lóxica, tamén.

Galicia é Rosalía de Castro, claro que si, a nosa nai fundadora. Ningunha outra cultura europea ten unha muller de semellante poder como alicerce fundacional, é certo. Mais Galicia é tamén Emilia Pardo Bazán, feminista, si, aínda que algunhas mentes non queiran entender que unha señorona da nobreza podía ser feminista. Galicia é cidades cheas de graffitis, feísmo identitario que convive con bancos que se venden como «os mellores do mundo». Somos, pois, minifundio, tamén a nivel simbólico.

Galicia é, en definitiva, unha incógnita que cómpre despexar, e para iso é crucial coñecermos a nosa historia, tan vedada, tan oculta tantas veces, para entender, agora si, que camiño coller, que non pode ser outro que o do futuro. Galicia é a resistencia, dende hai séculos, non sempre contra os de fóra. Ás veces facémonos resistencia a nós mesmos, impedindo así o avance, que cheguemos a onde poderiamos chegar. Galicia é, en definitiva, as galegas e os galegos. Cada un na súa leira e, todos xuntos, os donos dunha leira ben fermosa que chamamos, precisamente, Galicia.