De transición inxusta á negociación ás agachadas

Fermín Paz EXTRABALLADOR XUBILADO DE ENEL-ENDESA

OPINIÓN

Kiko Delgado

22 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta considera a nova tecnoloxía do hidróxeno como unha oportunidade para reindustrializar Galiza a través da innovación, a tecnoloxía e o talento e poder responder así os desafíos da transformación dixital e ecolóxica. «Trátase dun escenario chave para reactivar a economía, xerar novos empregos, contribuír á cohesión económica e social e querémolo facer da única forma que sabemos traballar, que é coa colaboración público-privada», manifesta o conselleiro da Xunta Francisco Conde. Así, a candidatura que presenta o Goberno galego para optar aos fondos centra un dos seus obxectivos na produción de hidróxeno renovable, tendo en conta que un 40 % dos 70.000 millóns de euros previstos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, teñen dita focaxe.

Namentres, a economía e o emprego fan auga en calquera análise rigorosa dos parámetros que nos permiten medir e valorar o que está acontecendo. As comarcas cunha certa industrialización, asisten a un «suicidio asistido» á espera das promesas das empresas que están máis preocupadas por publicitar os seus proxectos que en negociar unha transición con algún equilibrio entre un presente impresentable de destrución de riqueza e de emprego e un futuro, tan cheo de esperanza como baleiro de realidades. Isto non quere dicir que non exista una negociación ás agachadas, onde os traballadores quedan fóra. Primeiro o negocio e o poder, logo, o demais.

Así as cousas, a posibilidade única da reactivación económica parece estar na folla do roteiro do hidróxeno no marco dos recursos de fondos europeos Next Generation. Namentres os traballadores e a súa representación non son convidados nesa negociación (sen luz nin información), con toda probabilidade algúns hai tempo que están a moverse e negociando nesta nova oportunidade para acceder a estes fondos. Mais como dixen antes, a prioridade e o reparto da «bizcochada» e de aí a dificultade de formalizar calquera negociación formal e comunicada. Gonzalo Caballero e Valentín González rematan de anunciarnos a través dunha denuncia polas «trampulladas no censo eleitoral» que xa entraron de cheo na batalla política polo poder na secretaría xeral do PSOE da federación galega. Non quero esquecer que, «as noticias falsas só representan o lado escuro da comunicación e adoitan incrementarse cando hai bandos na batalla política para acadar o poder», escribe a filósofa Virxinia Moratiel. Deberiamos non mirar para outro lado co que se está cocendo e na análise que fagamos, consideremos que os socialistas, hoxe, son a terceira forza política por detrás do PP e do Bloque. Para que puidese producirse un cambio no Goberno galego, o Partido Popular tería que perder a súa maioría e os demais deberán sumar mais de 38 representantes.