Inventario de proximidade

Pedro Puy PORTAVOZ DO PPDEG NO PARLAMENTO DE GALICIA

OPINIÓN

Lavandeira jr | Efe

18 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

No terceiro episodio da oitava tempada da serie The Big Bang Theory, un dos seus protagonistas, Sheldon, investigador no CalTech, fachendea da solidez da súa relación con Amy. Faino, como non podía ser doutra maneira nesta exitosa sitcom, aplicando o método científico: de acordo co RCI (Relationship Closeness Inventory, ou inventario de proximidade nas relacións), elaborado polos psicólogos Berscheid, Snyder e Omoto en 1989, a relación entre Sheldon e a súa parella puntúa 8,2 sobre 10, unha sólida afouteza.

Tras nove meses de traballo na Comisión de reactivación social, económica e cultural de Galicia pola crise do covid-19, constituída por acordo unánime dos tres grupos con representación no Parlamento de Galicia, tras escoitar medio cento de comparecencias presenciais, e analizar os 155 informes que tanto a Xunta como unha grande variedade de organizacións sociais e expertos remitiron á comisión en cumprimento dun plan de traballo que tamén foi aprobado por consenso, o pleno da Cámara do pasado martes aprobou o seu ditame. Un documento que marca, nos seus 506 epígrafes, as 506 accións que a comisión estima que a Xunta debe acometer a curto prazo para reactivar a economía e os servizos públicos; e as reformas económicas, na sanidade, na educación e nos servizos sociais, que permitan a medio prazo a adaptación do sistema produtivo e de benestar á nova realidade dunha sociedade que procura empregos estables, integración nunha economía dixitalizada e globalizada, equidade, e avances na sostibilidade medioambiental e financeira do sistema.

Nas votacións finais, tras ofertarse á oposición máis dun cento de transaccións sobre o texto da maioría (e apenas dúas desde a oposición ao grupo maioritario), e acordarse máis de medio cento das propostas, o resultado arroxa algún paradoxo. O Grupo Socialista, tras absterse en todas e cada unha das votacións dos epígrafes por separado do ditame, decidiu votar en contra do conxunto do texto. O grupo nacionalista, pola súa banda, votou en contra de 140 dos 506 epígrafes, a favor de 143 e abstívose nos 223 restantes. É dicir, non se opuxo ou apoiou explicitamente o 72 % das propostas que a maioría elaborou para a recuperación económica, social e cultural do país. Algúns dos epígrafes que obtiveron o voto negativo son significativos. O BNG non comparte que haxa que manter ou diminuír a presión fiscal sobre as familias e empresas nestes momentos de crise nos que precisan liquidez. Non comparte, como recomendan todos os organismos económicos internacionais, ir previndo a volta á estabilidade orzamentaria cando a economía creza outra vez. Critican vehementemente que os fondos europeos, expresamente dirixidos para incentivar os investimentos público-privados, poidan favorecer ás empresas (que son as verdadeiras creadoras de emprego). É unha visión alternativa, lexítima, pero non do modelo de recuperación, senón dunha sociedade na que o público prevalecería en todos os ámbitos sobre a iniciativa privada.

A oposición pode, como non, descualificar o conxunto dun ditame do que considera que o 72 % non merece o voto en contra. O caso é que, de terse aplicado o Inventario de Proximidade do test RCI, un 72 % de coincidencia implicaría que a relación entre a maioría e a oposición é «moi profunda», porque «non é fácil atopar a alguén con quen compenetrarse a un nivel tan íntimo e compartir tanto tempo xuntos». Lonxe, claro está, da solidez da relación entre Sheldon e Amy. É o que ten a política. E a representación da, por veces, sitcom parlamentaria.