As idades da pandemia

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

PEPA LOSADA

18 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao comezo pensabamos que esta pandemia ía salvar o mundo, e todo o que logramos foi que extraese da nosa sociedade opulenta o peor de nós cando pechamos as persoas maiores en lugares que se converteron en trampas mortais sen que a ninguén parecese importarlle aquela pingueira noxenta de vítimas que nos relataban os medios lembrando a súa idade improdutiva. A nós, as inmortais, as cremas antiengurras seguro que nos protexían do virus. Nós, as soberbias.

Pero veu a segunda onda e a terceira, mesmo a cuarta, e aprendemos que todo era falso. Quizais porque o virus xa fixo o seu correspondente exterminio, ese polo que pouco chorou esta sociedade que se aproveitou ata a extenuación da man de obra barata dos avós. Así que de súpeto fixámonos en que, na mesma orde das vacinas, o virus chegaba a nós. Ata o punto de facernos vellas.

Eses que agora enchen as urxencias sufriron unha fractura vital inversamente proporcional á idade que se ten: perderon ese tempo en que unha namora nun verán, o primeiro ano de universidade en que a vida non debera ser na casa, e perderon, sobre todo, o ben máis prezado da mocidade absoluta: esa crenza na inmortalidade que é o impulso para as loucuras, a valentía e o talento que imos perdendo co tempo porque entramos nesa triste realidade en que, ano e medio despois, as vidas seguen como estaban.

A rapazada deunos nos últimos meses leccións de responsabilidade durante toda esta pandemia na que decidimos que todo o mundo tiña unha culpa menos calquera de nós. E o certo é que non hai culpábeis. O que hai é un virus solto e o certo é que, igual que ao comezo mataba anciáns que só querían dar os seus últimos abrazos, agora mata mozos que só queren vivir a mocidade. E que os vacinen dunha vez, coma a calquera.