«La derechita valiente» e «El Jueves»

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

17 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 1884 desaparecía en París, baixo a lei que restablecía a censura, a revista satírica La Caricature, fundada cinco anos antes con Daumier como principal caricaturista e humorista gráfico. O editor e director Charles Philipon publicou un editorial de despedida:

«Para crebraren os nosos lapis crearon unha lei contra nós; unha lei que fai imposible seguir a obra que estivemos a realizar malia as incontábeis incautacións, os arrestos inxustificados, as multas esmagadoras e as longas detencións. É que nós tiñamos o valor que dan a consciencia de exercer un dereito e a certeza de obrar ben. Si, nós obrabamos ben! Desenmascaramos aos farsantes que actuaron ao longo de quince anos, aos apóstatas da liberdade, poñéndoos na picota do noso xornal e dando despiadadamente a súa imaxe á burla do pobo que explotan. Agora poden rachar as denuncias que a nosa xustiza puxo sobre as súas cabezas, mais non lles será tan doado borrar ou facer esquecer os estigmas de vergoña con que os sinalamos estes cinco anos».

As palabras de Philipon convertéronse nun manifesto en defensa do humor, que asumiron editores de espírito revolucionario en publicacións satíricas europeas e americanas e mantívose ata hoxe. As ditaduras e o matonismo que as defende aborrecen a crítica feita con humor, de aí que a redacción de La Codorniz fose asaltada, en 1955, por un grupo de falanxistas e que, anos despois, se convertese en obxectivo dos Guerrilleiros de Cristo Rey. A noite en que foron atacala toparon na porta co debuxante Alfonso Abelenda, tan listo como simpático, que os levou a un bar próximo, botoulles un discurso, apañaron unha trompa xuntos, e a agresión quedou en nada. Non había un Abelenda na revista El Papus en 1977, cando a Triple A enviou á redacción un paquete bomba que matou ao conserxe, danou gravemente á secretaria e causou feridas a dezasete persoas. Malia os cambios sociais producidos e entendermos a ridiculización de institucións e personaxes públicos en textos e viñetas como un dereito democrático, aínda en 2016 a directora de El Jueves foi agredida por un encapuchado despois de que nunha portada se alertara sobre o auxe do feixismo.