Os cinco anos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

13 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembran as proezas que realizaron aos cinco anos de idade? Igual é complicado... A min vénme á cabeza unha vez que, de tanto arrolar á miña irmá (un bebé), lanceina e caeu ao chan, provocándome o pánico de tal xeito que os berros que soltei asustaron a miña nai, que pensou que se producira unha traxedia.

Fóra diso, paréceme unha época difusa, perdida nas lembranzas. Aos cinco anos eu só fun nena. Por iso me aterroriza ver que hai bikinis dese talle que teñen recheo na parte superior, simulando un peito que non está nin na cabeza das cativas. Daquela... en que mentes está? É tremenda a obsesión polos corpos e esa teima de incrustala na infancia, contaminando as ideas.

O valores que debemos fomentar son outros, ben distintos. Nun colexio de Xove, a cativada de cinco anos decidiu aprender braille. Argallaron un alfabeto neste código fácil de asimilar para todos, pois querían axudar a integrar a un compañeiro invidente. Unha proeza. Con cinco anos, si. Unha auténtica proeza. O sentido de amizade, comunidade, responsabilidade, conciencia e esforzo que aprenderon estes cativos é a mellor ensinanza que lles podemos dar. Lonxe están eles de valorar o corpo segundo os canons de beleza. Para eles, o corpo é a ferramenta para vivir. E se unha parte falla, como pode ser a vista, enxeñan o xeito de cubrir esa actividade. Iso si é igualdade.

Desde aquí, os meus parabéns aos cativos, profesores, pais e demais membros da comunidade educativa involucrados. Isto é o que se debe aprender.