Luisa Viqueira Landa

Víctor F. Freixanes
Victor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

12 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Na marea da semana pasada falei do exilio republicano en México, dos refuxiados do Ipanema, do labor que os exiliados galegos realizaron ata ben andada a década dos anos 60: entre outras empresas o Patronato da Cultura Galega, a audición radial Hora de Galicia, as revistas Saudade, Loita, Vieiros… Alí estaba Florencio Delgado Gurriarán, a quen a Academia dedicará o Día das Letras Galegas no ano 2022, e outros nomes que evocaba na travesía. Mais na lista de exilados só citada de paso unha muller, Ascensión Concheiro, compañeira e esposa de Francisco Comesaña, ambos os dous inspiradores da novela de Manuel Rivas, O lapis do carpinteiro.

 E había máis. Bastantes máis. Na historia da loita democrática contra o fascismo, igual que en tantas outras cuestións, as mulleres son case sempre as grandes silenciadas, ademais de grandes vítimas. Aínda agora. Non hai máis ca ver a traxedia das que se botan ao mar coas súas criaturas, embarazadas en moitos casos dos seus verdugos, fuxindo das masacres de África ou de Oriente Próximo, mulleres na recente guerra dos Balcáns, as que cruzan o río Grande e os desertos de Arizona, as que sobreviven nos prostíbulos da Europa que non as sabe acoller…

Naqueles barcos dos refuxiados da Segunda República tamén había mulleres. E nas iniciativas da resistencia, que en moitos aspectos eran alento de dignidade. A filla de Ascensión e Francisco Comesaña aínda vive en México, Mariángeles, poeta. E aínda hai pouco que faleceu Luisa Viqueira Landa, filla do filosofo galeguista, Xohan Vicente Viqueira. Por decisión propia, as súas cinzas trasladáronse en 2015 dende México ao cimiterio de Ouces, en Bergondo, onde repousa a carón do seu pai.

Luisa Viqueira Lanza ( A Coruña, 1918-México, 2014), bióloga de profesión, tiña 18 anos en xullo de 1936. Xohán Vicente Viqueira falecera no 24. A familia pasaba os veráns no pazo de San Fiz de Vixoi, e alí os colleu a represión. Agochados na casa durante varios meses, coa axuda dos veciños lograron fuxir nun barco que os pasou a Francia e logo á España republicana, na compaña de varios nenos daquelas parroquias. Despois da guerra, Luisa formouse en Moscova, e de alí pasou a México, onde estaba a familia toda. Aurora Marco recolle a súa biografía, xunto coa da súa nai Jacinta, a súa tía (Viqueira López Cortón) e a súa irmá Carme, no excelente Dicionario de Mulleres Galegas (A Nosa Terra, 2007). Era a voz feminina que locutaba no programa Hora de Galicia” que se emitía todos os domingos dende a emisora XELF 1440, propiedade do ourensán Ramón Ferreiro. Foi cofundadora do Patronato da Cultura Galega de México (1953), militante do Partido Comunista, delegada do Consello de Galiza, fundadora da UPG... O seu nome figura como segredaria de redacción na revista Vieiros á par doutra muller da que tampouco sabemos case nada: Yolanda López.