A nosa homofobia

OPINIÓN

EDUARDO PEREZ

10 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada vez que damos un paso adiante na protección da poboación LGTBI, hai coma unha obsesión por parte de moitos de daren dous atrás.

Estes días, a raíz do tristemente acontecido con Samuel e da aprobación da lei trans, volvemos ver unha dialéctica inquisitorial que pon as claras como unha parte da nosa sociedade ten un certo medo ao diverso, ao outro, coma se ameazase a confortable identidade que a define.

Non sorprende a actitude dalgúns bispos que se proclaman depositarios da moral e só recoñecen a parella heterosexual que se une para ter fillos, nin tampouco o fanatismo rancio dalgún partido político que ve nesoutras realidades unha agresión aos seus fundamentos monolíticos.

O máis duro de aceptar é a homofobia que pode haber en nós mesmos e nas persoas coas que convivimos a diario. O máis doado ás veces é poñerse de perfil e non decatarse de que os prexuízos están latentes dentro de nós e os expresamos con silencios e actitudes pasivas que rematan por espir a realidade. Se non, por que tanto nos custa recoñecer e falar con naturalidade da homosexualidade dos fillos, por que non lles explicamos na infancia que non todo o mundo é heterosexual? Por que nunca rematamos de saír dos armarios? No fondo, é o de sempre: unha cuestión de educación.

Podemos confiar en campañas públicas a favor da diversidade, en leis protectoras, pero a mellor ferramenta para que os nosos fillos nin sexan o branco doado de actitudes homófobas nin tampouco para que sexan os propios executores desas agresións, é educármolos en tolerancia e facelos impermeables ás burlas para que cando saian á rúa poidan facelo libres, seguros e con naturalidade, mesmo exhibindo unha descarada homosexualidade coma quen luce un traxe estridente. Faltaría máis. Somos nós mesmos os que temos que aceptalo.