As vacas e a crise de Goberno

Xosé Ramón González

OPINIÓN

Ejemplares de vaca de raza rubia gallega criadas para consumo de carne
Ejemplares de vaca de raza rubia gallega criadas para consumo de carne JOSE MANUEL CASAL

09 jul 2021 . Actualizado a las 19:40 h.

Acrise do covid-19 conseguiu evidenciar o carácter estratéxico do sector agrogandeiro. Ninguén debe dubidar hoxe da importante función que realiza e ninguén quere pensar que poñer en risco a agricultura e a gandería dun país é poñer en risco o propio país, non só hoxe senón, tamén no futuro. Pero para que isto ocorra é preciso manter forte e estable o sector primario, impedindo os regateos contables das Administracións que poidan poñer en perigo a nosa despensa.

Por esta razón, cando un escoita do titular do Ministerio de Consumo do Goberno de España a sarta de falacias e frivolidades dirixidas ao sector primario que onte nos dedicou a todos os gandeiros Alberto Garzón, a verdade é que ou nacen dun descoñecemento temerario ou da necesidade de visibilización mediática a base de atacar o sector primario de cara a unha futura remodelación do Goberno de Pedro Sánchez.

En Galicia, o 87% do territorio é rural, e nel reside apenas unha cuarta parte da poboación, convivindo coa despoboación, o envellecemento, a falta de moitos servizos e un monocultivo económico que ten no gando de carne a única actividade que achega algo de riqueza aos fogares en moitas das comarcas das provincias de Lugo e Ourense. Eliminar o único activo que queda nestes municipios é tanto como deixar a xestión do territorio rural en mans dos lumes forestais e da fauna salvaxe.