Salvar vidas, pero non a propia

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

VINCENT WEST

01 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non entendo moito de leis nin de política, mais creo que hai certos asuntos que traspasan a norma para instalarse na responsabilidade social, que poñen a proba a nosa conciencia.

Un home vai paseando, séntese mal e cae desde unha ponte á auga. Non é capaz de repoñerse e as escenas que se ven son realmente angustiosas. A xente, desde arriba, teme o peor. Daquela, sen pensalo, por instinto, un mozo saca a mochila do lombo e lánzase á auga para intentar rescatalo.

É Mouhammad Fadal Diouf, un senegalés que leva catro anos na nosa terra, buscando un futuro. Durante un cuarto de hora estivo intentando salvar a vida do home, cada vez máis canso e débil. Lánzanse outros tres mozos para axudalo, conscientes do perigo que corrían xa as dúas vidas. Tamén unha embarcación que navegaba próxima lles botou un cabo. Por fin saen, sen ter nada que lamentar.

Mouhammad non o ten fácil. Non ten papeis. Pero si un corazón e unha conciencia marabillosos. Hai dous anos xa fixera o mesmo, lanzarse á auga para salvar a outra moza que caera tamén. E, saben que? Volvería facelo. O aplauso espontáneo reconfórtao. Tamén deberan felicitalo as forzas vivas, os representantes sociais, as administracións. Podería estar xogando no Bilbao Basket se tivese papeis. Así, a pesar de pasar as probas, non pode competir. É un «sen papeis», ten moi complicado sacar a vida adiante. Pero, mentres, xa salvou a de dúas persoas. Non se lles encolle o corazón? Ademais de darlle as grazas, gustaríame ter para el unha solución.