Lei trans: os dereitos humanos non se negocian, lexíslanse

Cristina Palacios PRESIDENTA DE ARELAS

OPINIÓN

María Pedreda

29 jun 2021 . Actualizado a las 22:44 h.

Nestes días de orgullos LGTBIQA conmemórase que en Stonewall foron as mulleres trans, migrantes e traballadoras sexuais quen se enfrontaron á policía fartas de tanta violencia. Historicamente foron esquecidas dentro do colectivo, e en xeral, pola sociedade. Pero as persoas trans sempre estiveron loitando dentro do colectivo LGTBI e do feminismo de forma silenciosa e xenerosa esperando un momento mellor para a loita dos dereitos trans.

Este momento chegou. Atopámonos nun momento transcendental no que, grazas ao traballo incansable dos colectivos trans e as súas familias, o noso Estado está cada vez máis preto de ter un ordenamento xurídico á altura doutros Estados da nosa contorna cultural.

Pero aquelas familias que temos nas nosas casas a realidade trans non podemos evitar sentir moita preocupación respecto da regulación que afecta os menores. Durante estes últimos días fomos coñecendo, sobre todo a través dos medios de comunicación, que finalmente se incumprirá o acordo de Goberno de aprobar unha Lei Integral Trans que recolla as demandas e necesidades específicas da parte do colectivo máis invisibilizado, discriminado e rexeitado social e familiarmente, levándoos a situacións de gran vulnerabilidade.

Ao PSOE estatal non parece importarlle os dereitos das persoas trans. Demostrouno cando en 2007 aprobou unha mal chamada «lei trans» patoloxizante, tutelante e que deixaba fóra a menores, migrantes e persoas non binarias. Demóstrao cando non apoia un texto presentado polo Ministerio de Igualdade traballado cos colectivos trans e de familias de todo o país. Demóstrao na actualidade cando presenta no Consello de Ministros un texto de lei de non discriminación LGTBI que apenas recolle dereitos para as persoas trans.

De novo, o colectivo trans vese forzado a seguir esperando un momento mellor. Pero as crianzas trans queren ser felices aquí e agora.

Como nai dunha moza trans e que traballa con persoas do colectivo, sobre todo menores, coñezo moi ben o día a día e a loita destas persoas que o único que queren e necesitan é ter os mesmos dereitos que o resto da sociedade. Queren e necesitan o amor da súa familia e contorna, poder dicir quen son sen ter que demostralo en saúde mental, ter referentes positivos, poder ir seguras a clase, que a súa realidade sexa visibilizada, camiñar polas rúas sen medo, ter un traballo, un porvir. Un futuro vivible.

Desgraciadamente non parece que isto vaia ser así. O proxecto de norma que se nos presenta como un fito histórico non recoñecerá a plena autodeterminación dos menores trans por baixo dos 16 anos, creando diferentes categorías de dereitos en función de límites de idade, contradicindo a nosa regulación actual, ao Tribunal Constitucional e resolucións europeas. E farano baseándose nunha tese regresiva, de limitación de dereitos e cargada de prexuízos que alega que moitos menores trans cambian de opinión ao chegar á adolescencia. Nos últimos seis anos, desde Arelas conseguimos numerosos cambios de sexo e nome rexistrais de menores, acompañándoos nunha transición cara a unha vida máis feliz acorde á súa verdadeira identidade; sen un só caso de cambio ou reversión.

Despois de moitas negociacións e de usar os menores como moeda de cambio, de novo existirá a tutela, longos trámites nos xulgados e ningunha obriga real á hora de velar polos dereitos dos menores trans.

As familias loitaremos ata o último momento por un status digno para os nosos fillos, que non poña en dúbida a súa verdadeira identidade e esixa unha tutela para poder ser. Seguiremos loitando polos dereitos de todas as persoas trans, sen deixar a ninguén fóra