Desestimará Estrasburgo as condenas por sedición?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

ALBERT GEA

29 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os rumores das cortes de xustiza da Vila e Corte apuntan xa a que a sentenza do procés está morta, que vai ser desestimada polo Tribunal Europeo de Estrasburgo e que a batalla emprendida polo Tribunal Supremo para aplicar o chamado delito de sedición aos políticos cataláns e condenalos na famosa sentenza do 2019 está perdida en Europa. Era sabido, dixémolo aquí hai dous anos. Onde, en que país europeo, fóra quizais da Hungría de Orbán, poden condenar a estas alturas a alguén polo delito de sedición? É simplemente imposible atopar en ningún país de tradición xurídica liberal un delito de orixe cortesán, desaparecido de todos os códigos liberais non despois de 1900.

Porén, dende o punto de vista de certa forma iliberal e carpetovetónica de entender a nación española o traballo quedou feito. Atopouse un delito, aplicouse unha lei e mandouse á cadea a uns cantos políticos acusados de sediciosos. Para os coñecedores do pasado máis recente, a forma de instruír lembra demasiado a 1909, a 1917, a 1934 ou 1936. A saber, informes da forza pública, de autoridades policiais ou militares que argumentan feitos, rumores, opinións, ou que reúnen recortes de prensa parciais e sen contraste, máis que probas propias do dereito positivo. Para os afeccionados ao cine e á literatura que desvenda misterios, en vez de aquelas datas son referencias inescusables A verdade sobre o caso Savolta, de Eduardo Mendoza (1975) e a súa película homónima ou o Crime de Cuenca, de Lola Salvador, levado ao cine por Pilar Miró, que en 1980 sufriu aínda os rigores dun ministro franquista.

A inercia do pasado nas prácticas e nas culturas non se borran porque se aprobe unha constitución, nin sequera porque haxa unha sólida tradición constitucional como vemos no mundo de hoxe. A cultura democrática é unha práctica que necesita alimentarse e que pode ser erosionada, e o mesmo acontece coa xurisprudencia democrática. Unha e outra sufriron terriblemente no Estado español ata ser erradicadas da esfera pública durante máis de corenta anos como teñen explicado historiadores e historiadoras que, polo que se ve, ningún xuíz le. As culturas xurídicas non se improvisan. A nosa ten máis fundamento na xustiza ao revés deseñada por Serrano Suñer para converter en rebeldes aos demócratas que na fecunda tradición democrática previa construída por Montero Ríos. Nunca é tarde para reaccionar. A historia axuda. Pero haberá que agardar á corrección europea -máis unha vez inventan eles- para rectificar e pór as bases culturais e xurisprudenciais para avanzar nunha xustiza democrática e garantista que non teña que ser emendada unha e outra vez. E van...?