A tiranía do bikini

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

CAPOTILLO

Non está superado. A presión exercida ante o aspecto e o corpo da muller non é pasado. Déronse pasos, si. Pero pequenísimos. 

A idade, as experiencias, o amor que nos arrodea e o que construímos cara a nós mesmas con tanto sacrificio e esforzo poden axudar a que saiamos á rúa coa cabeza ergueita. Pero seguimos a ser o branco fácil e eterno.

Comeza o verán e a lousa aparece, implacable, unha vez máis. Ir á praia, á piscina, ao campo... ensinar o corpo, enfundalo nun traxe de baño. Claro que xera dúbidas. E rexeitamento. Dar eses primeiros pasos é sentir que todas as miradas se volven cara a unha. E sabemos que están tomándonos a medida. Dos peitos, da cadeira, do cu, das estrías. Calibran o terso que se mantén o ventre, os brazos, as coxas.

Poñemos o bikini e arreamos cara adiante. Porque o loitamos. Pero facémolo, na maior parte dos casos, cheas de inseguridades, feblezas, medos. Vergoña. Porque ningunha cumpre os canons ditatoriais da moda, que non da saúde. Pero as mulleres que saen nas revistas e que nos intentan impoñer como exemplo, tampouco.

Coma nunha obra de enxeñaría, o papel térmao todo. O conto é facelo realidade. Que se sosteñan eses piares esveltos ata o límite, que os puntos de apoio sexan suficientes. Cos programas informáticos tamén podemos modelar o corpo dunha muller ata a ilusión máis extravagante. Mais a vida é outra cousa. Por iso poño o bikini e fago que non sinto os ollos esculcándome. Por min. E polas miñas fillas. Porque quixera liberalas desta carga.