Corre Carmela que chove «in memoriam»

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

SIRO

26 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En febreiro de 1993 creei o programa radiofónico Corre Carmela que chove, que se mantivo na programación de Radio Voz durante 21 anos pola calidade de cinco imitadores de voces, a orixinalidade de dous cantautores, o candor dun vello cantor romántico, as ocorrencias dun codirector enxeñosísimo e un guión disparatado pero absolutamente veraz, que explicaba polo miúdo o que o xornalismo serio non ousaría comentar. Polo San Xoán empezamos as actuacións en directo en teatros e centros culturais, e a acollida foi aínda mellor. Unha noite, no teatro Jofre de Ferrol, completamente cheo, ollei o reloxo e vin que levabamos no escenario dúas horas e cincuenta e cinco minutos. Xa non tiñamos guión, pero o público entrara en trance e non podía deixar de rir, nin manter a posición vertical. Ver a centos de persoas rindo a cachón e caendo á dereita e á esquerda, non se esquece; e nós vímolas moitas veces.

As imitacións eran todas perfectas, pero a do presidente Fraga -polas peculiares personalidades do parodiado e do parodiador- resultaba especialmente cómica. Xacobo Pérez, o imitador, era asesor do presidente e acompañábao nas inauguracións de centros deportivos; por iso, cando Fraga recibiu unha carta de Ruiz Mateos agradecéndolle a defensa que del fixera nunha emisora de radio, ordenou: -Envíenlle esta carta a Xacobo.

En 1994 gañamos o Premio de Comunicación da Xunta de Galicia e entregáronnolo nunha cea de gala no Gran Hotel da Toxa. Ante o escenario estaba a mesa presidencial e no centro, xusto fronte a nós, o presidente. Cando Xacobo falou coa voz de Fraga, trescentas persoas ceibaron unha gargallada e ollaron ao presidente, que ría tamén; e cando a Xacobo se lle crebou a voz nun salouco, a gargallada colectiva foi un estrondo e trescentas persoas puxéronse en pé para ollar a Fraga, que, timidísimo como era, tapara a cara coa servilleta.