Durmo coa radio posta, e ás veces métenseme na cabeza algunhas das historias que escoito medio durmida, e sen decatarme rematan convertidas en soños. Esta semana, nun deses programas nocturnos, falaron de Antonio Machín, da súa historia de vida, das súas raíces galegas e afrocubanas; e soaron as cancións que forman parte da xeración que nos deu a vida. E nese soño intercalado co son real da radio apareceu Machín cantando co meu pai no salón de baile do meu avó...
Cando espertei quedei matinando na viaxe vital de Machín (de Cuba aos EUA, dos EUA a Europa, de Francia a España) nunha época na que os conflitos e as guerras estaban máis que presentes. Machín marchou de París no 1939 (con 36 anos), para chegar á España de posguerra, onde residía un irmán, e así comezar de novo unha carreira nun país roto pola Guerra Civil. Tentei imaxinar a complexidade desa viaxe e das decisións que tomou para sobrevivir, e a infinita perseveranza dun home que alá a onde foi decidiu dedicarse ao que lle apaixonaba, a pesar de todo.
É difícil ser artista en calquera tempo, pois cada momento histórico ten as súas circunstancias, e as artes non sempre devolven todo o que lles dás. Machín, a través da radio, iluminou as vidas dos nosos pais e converteuse nunha historia de éxito nun momento complexo. E aqueles artistas invisibles que interpretaron a súa música naqueles fermosos salóns de baile do rural, iluminaron aínda máis a existencia dunha xeración que non o tivo nada fácil.
Hoxe, os artistas que coa música en vivo fan das nosas vidas algo mellor forman parte desoutra xeración que tamén o ten difícil, e precisamente por iso son máis necesarios ca nunca.