Elixir unha carreira

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

PEPA LOSADA

17 jun 2021 . Actualizado a las 10:59 h.

Sempre pensei que nos facían decidir a nosa vida con demasiada antelación. O mundo debera ir un pouco máis lixeiro de equipaxe, sen tantas cargas, para poder gozar del como se debe.

Lembro coma se fose onte o día que tiven que decidir que carreira ía estudar. Cubrín o papel chea de dúbidas, cos dedos trementes, coma se fose facer un salto ao baleiro. Pasei a noite sen poder durmir. Que fixera? Sería correcta aquela elección? Era imposible sabelo naquel momento, pero tampouco hoxe, tantos anos despois. Porque a vida é flexible e ríxida a partes iguais. Ás veces os nosos camiños dan voltas e son difusos, con pasos cara adiante e outros tantos cara atrás ou as beiras. Noutras ocasións, pola contra, por moito que nos empeñemos nunha dirección, a vida empéñase en levarnos a contra e facernos mudar de dirección continuamente.

Así que non sei se paga a pena pasar estes apuros tan grandes. Oxalá todos souberamos cal vai ser a paixón da nosa vida, e puideramos optar a formarnos para dar o mellor de nós nese campo. Pero... e os que temos dúbidas?

O tempo pasa axiña e a vida pode ser inxustamente curta. Deberiamos desmitificar certos aspectos. Si, o acceso á universidade é importante, pero non teñamos pánico a mudar de estudos ou reorientar a nosa vida. Ou, no caso de non entrar no que desexamos, volver intentalo despois. Ou, quen sabe! Pode que estiveramos errados e acabemos nun lugar que nos acae mellor.

Adaptarnos ás circunstancias e sermos felices debera ser materia obrigatoria.