A traxedia, de novo, de vello

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

14 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sacaron o pequeno corpo e a traxedia confirmouse. Outra vez. Pero este tipo de crimes empezan a soar xa a vello. Non é o primeiro e, por desgraza, ninguén cre que vaia ser o último.

Mantívenme en silencio durante todos estes días de espera. Penso que o respecto á familia, ás familias, e a todos os traballadores que están facendo todo o posible para botar luz sobre os feitos é o mínimo que merecen.

Pero sexamos sinceros. Aínda que desexabamos un final ben distinto, moíanos na cabeza esta posibilidade, coma unha sombra que está sempre ao axexo. E o medo a cumprirse petaba con moita forza. Por que? Porque non é a primeira vez que pasa. Porque este tipo de suxeitos existen e quedou demostrado que seguen un comportamento case pautado. Facer dano á exparella está por riba de todo, supera incluso a vida das propias fillas.

O peor, insisto, é que chegue a deixar de sorprendernos.

Non me manifestei antes, mais fágoo agora. O que espero é que cheguemos a un final completo, para que a nai das pequenas e a familia poidan pechar este episodio. Que nada ten que ver co esquecemento!

O que merecen de nós, desde este mesmo instante, é silencio respectuoso. Non aturaría un segundo máis de circo mediático. Que a información que se dea sexa a que a familia decida ofrecer. Sobran opinadores, expertos e entendidos lanzando hipóteses ao aire.

Xunten esa forza para protexer as vítimas. Centremos aí os esforzos todos, na prevención. Porque esta traxedia non fomos quen de evitala, pero oxalá outras si.