Púidose evitar a morte das nenas?

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

14 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentres a policía estaba xa buscando os corpos das nenas desaparecidas en Tenerife, moitos seguiamos crendo que se trataba dun secuestro. Por desgraza, foi unha esperanza errada. Trátase dun caso máis da síndrome de Medea, o personaxe de traxedia que mata os seus fillos para vingarse do abandono do seu esposo, Jasón.

A pesar de levar nome feminino, son con frecuencia homes quen padecen ese trastorno psicolóxico que os converte en monstros desapiadados. Monstros responsables, iso si, xa que son conscientes do dano que causan, que realizan con plena consciencia e vontade para vingarse do seu cónxuxe. O que nos preguntamos, dada a relativa frecuencia con que se producen estes casos, é se se podería evitar que eses desexos de vinganza se levasen a cabo.

Nos divorcios, os fillos adoitan quedar cun dos cónxuxes, —con frecuencia, a nai— e establécese un réxime de visitas para o outro. O pai das nenas asasinadas xa dera mostras de conduta violenta e delituosa: tiña antecedentes penais por roubos, pelexas e ameazas, agrediu a nova parella da súa muller, tivo problemas coas drogas, tentou estafar a compañías de seguros e acumulaba infraccións de tráfico con multas sen pagar. Non parece unha persoa a quen se lle poida confiar dúas criaturas indefensas. O réxime de visitas do que gozaba serviulle en bandexa a oportunidade de matar as nenas. Quizá, por moitas restricións que a lei lle impuxese, levaría a termo o seu propósito. Ou quizá non. É algo que deben ter moi en conta os que lexislan e deciden sobre os dereitos dos proxenitores divorciados a ver os seus fillos.