Ningún maltratador é un bo pai

Mª Rosa Álvarez Prada TRIBUNA

OPINIÓN

13 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

É difícil saír do estado de conmoción no que nos deixou a terrible noticia do asasinato das nenas Anna e Olivia. Ao saber deste desenlace, viñeron ao meu recordo as imaxes, os rostros, as voces de tantas outras nais que me confesaron que non podían dar o paso de separarse da súa parella, do seu agresor, porque sabían que estaban poñendo en perigo a vida dos seus fillos e fillas, a súa integridade física e psicolóxica. Que preferían seguir soportando esa violencia por non ter garantías de que o seu neno ou a súa nena estaría protexido. Porque un maltratador non é un bo pai, en ningún caso.

Nos últimos oito anos, 41 nenos e nenas foron asasinados como consecuencia da violencia machista, a maioría (38) polo seu propio pai biolóxico. Non estamos diante de feitos illados nin obras de tolos: é a expresión absoluta da ideoloxía machista. Non busquen patoloxías, nin trastornos mentais, nin outras xustificacións que nos farían máis dixerible o insoportable. A violencia vicaria, a que se exerce a través dos fillos e fillas, só busca ocasionar o maior dano posible á nai.

Os asasinatos non son unicamente a expresión máis cruenta da violencia de xénero; son o mecanismo máis eficaz que ten o patriarcado para consolidarse. Unha poderosa mensaxe para todas as mulleres que nos lembra que nós e os nosos fillos e fillas podemos ser propiedade dun home, e que o feito de pretender cuestionalo pode ter consecuencias tan dolorosas como estas.

«Vouche dar onde máis che doe» ou «vouche quitar o que máis queres» non son unhas ameazas inocentes e a Xustiza debería contemplalas sempre. Son frases que aterrorizan ás mulleres porque cando un home as pronuncia, faino sustentándose en todos eses asasinatos previos de cativos e cativas que procuraron esnaquizar a vida das súas nais. Unha ameaza dunha eficacia altísima que debería implicar a garantía da protección deses menores, primando o interese superior do neno ou nena.

Desde a dor inmensa que compartimos como sociedade conmocionada por esta situación non debemos perder de vista onde está a saída. Obviamente, temos a obriga de intervir nas situacións de violencia, ofrecer apoio e recursos ás vítimas, entre os que é imprescindible a psicoloxía. Pero se queremos que este tipo de noticias non volvan repetirse só hai un camiño: prevención, prevención e prevención. Desmontando a ideoloxía machista, a sociedade patriarcal, aplicando políticas feministas para construír unha sociedade máis igualitaria, na que ninguén poida pensar que outra persoa é da súa propiedade; só así poderemos falar da violencia machista como un triste pasado superado.