Eu quero ser futbolista

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Pablo Garcia | Efe

12 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu quero ser futbolista. Porque se hai unha pandemia, dará igual que non me toque por idade, non importará que haxa unha Estratexia Nacional de Vacinación (que rimbombante, verdade?, como se iso tivese que ver comigo), porque mandarán ao exército, cos seus tanques, baionetas, señor, si señor, en formación, un dous, un dous, un dous, a vacinarme. Aínda que non me toque. Aínda que haxa xente maior sen vacinar. Aínda que haxa xente en cadeira de rodas sen vacinar. Aínda que haxa xente coa súa mobilidade reducida ao máximo sen vacinar. Quero ser futbolista e pasar por riba de todo, ter todos os dereitos, incluso nunha situación terrible de saúde pública. E que ademais me aplaudan. E que ademais rían comigo se gaño e choren comigo se perdo. Quero ser futbolista e ser un deus. Ben sei, ademais, que a culpa non será miña. Eu só son un millonario cunha certa habilidade para darlle patadiñas a un balón. Non importa que non teña estudos, ou moi poucos, tanto ten que gañe dez mil millóns de trillóns de veces o que unha neuróloga, o que un enfermeiro, que un mestre, que un condutor de bus, ou que calquera. Eu son imprescindible. Básico. Esencial. Son un futbolista da selección española de fútbol e todos queren a Eurocopa. Que me vacinen, xa.

Eu quero ser futbolista e poder elixir vacina. Xa sei que hai unha Comisión de Saúde Pública (que rimbombante, verdade?, como se iso tivese que ver comigo) que deu unhas ordes moi claras, pero mira, meu, que eu son quen son. E vanme dar a escoller. Que vacina quere o señor? Janssen? Por suposto. Moderna, quizais, cun lixeiro sabor vintage? Feito! AstraZeneca, para tíos duros coma vostede? Non se diga máis. Ao seu servizo. Aos seus magníficos e divinos pés.

Eu quero ser futbolista e que non importe se lle roubo á Facenda, ese que din que son todos, uns cantos millóns e me condenan. Non importa. Sei que se a outro lle pasa o mesmo, a un que non sexa futbolista, claro, pois caeralle enriba todo o estrume social, toda a bronca colectiva, que mala persoa, que defraudador, que canalla. Pero eu son futbolista. Eu podo defraudar que, aínda que se me condene a unha multa, todos seguirán aclamándome, aplaudíndome, desexando o meu autógrafo.

Si, futbolista é o que quero ser. E vivir nun país onde os nenos e non poucas nenas quererán ser coma min, levar os meus peiteados, que serán moda, seguir as miñas contas de Instagram, que serán tendencia, imitar as miñas tatuaxes, que serán reproducidas por todos os que me adoran. Quero ser o máximo que se pode ser nesta España hipnotizada por uns señores coma min. En calzóns e dando chimpiños polo céspede. Vacinados. Que feliz son eu: futbolista.