A cultura laboral tamén se perde

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

06 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Faladoiro de patrucios na aldea. Tres xeracións. Os máis novos matan o tempo vendo un partido de fútbol na televisión. Os vellos, que aínda lembran como era o mundo antes da chegada dos televisores, prefiren a conversa. De súpeto, a charla deriva cara a situación económica e laboral. «A este paso, como sigan as cousas así, imos ter que volver criar o porco no cortello e poñer patacas na leira», comenta un dos máis novos. O señor Benigno alza os ollos e responde: «Xa non sabedes». 

Penso moito nese día e na frase do vello Benigno, que xa non está connosco: «Xa non sabedes». Na marea da semana pasada falei da situación laboral da xente moza. Refírome á xente moza porque é a que teño arredor e sinto o seu desacougo, a súa frustración, a súa angustia, mesmo esa depresión que se instala dentro e os desarma. Mellor a rabia rebelde ca este amansamento. Este xornal editorializaba o pasado domingo sobre a cuestión. Sen traballo, sen o músculo que levante a economía, que en moitos aspectos é levantar ou manter viva a dignidade (das familias e das persoas), dificilmente podemos pensar noutras angueiras, nin na cultura, nin na lingua, nin no benestar e na asistencia social, nin na planificación estratéxica, nin en nada… A realidade é un sistema de vasos comunicantes. Necesitamos a autoestima das novas xeracións (a mocidade) para construír o futuro, e iso pasa polo traballo, a dignidade de gañar o pan e dar sentido ao esforzo que esas novas xeracións fixeron e están a facer na formación que nós mesmos lles propuxemos.

E volvo ao comentario do señor Benigno: «Xa non sabedes». Na Ferrolterra, por exemplo, varias xeracións, de pais a fillos, de avós a netos, criáronse na cultura laboral dos estaleiros. Que queda desa industria?, das artes herdadas dese traballo? Poderiamos poñer outros exemplos: no sector agrario, na industria do mar, na acuicultura, no traballo da madeira ou na pedra, sectores vivos que en gran medida constitúen o noso patrimonio histórico (a nosa despensa) e sobre os que cómpre traballar, transformar, investigar, para adaptalos aos tempos e producir riqueza, non como simples fornecedores de material que outros explotan e rendibilizan.

Que vai pasar cando esgotemos as canteiras de Guillarei e o Porriño, por poñer outro caso? Alguén está pensando en como afrontar o futuro de todo isto? E se daquela, cando chegue a oportunidade (e a necesidade), xa non sabemos criar o porco nin poñer as patacas?

A cultura laboral é algo que se constrúe ao longo do tempo e que se renova constantemente, un saber colectivo que se transmite ás veces dunha xeración a outra, igual que a memoria, a organización do mundo ou a propia lingua; mais que tamén se perde se non se cultiva. Daquela, cando queiramos volver ás cousas, se non investimos nelas agora, xa nada estará no seu sitio.