Sida: 40 anos de patentes e mortes

Xosé María Torres Bouza
Xosé María Torres LIÑA ABERTA

OPINIÓN

ANDREJ CUKIC | Efe

05 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

1981 foi un mal ano. En febreiro un insensato vestido de uniforme entrou coa pistola na man no Parlamento dun país europeo cun grupo de membros dun corpo policial ao grito de «¡Quieto todo o mundo!». En maio, nese mesmo país empezaron a verse casos de envelenamento -que logo se sabería causado polo uso na alimentación dun aceite tóxico- que derivou en máis de 20.000 afectados, deles 5.000 falecidos. Un ocorrente ministro de Traballo, Sanidade e Seguridade Social fixo unha achega á historia intelectual europea, indicando que a orixe do problema era «un bichiño, que se se cae da mesa se mata».

Xuño non foi mellor. Xa noutras latitudes, en EE.UU., empezou a detectarse, en varóns homosexuais, unha pneumonía estraña, o que foi difundido o 5 dese mes -van alá 40 anos!- no boletín semanal dos Centros de Control e Prevención de Enfermidades (CDC) daquel país nun breve artigo titulado Pneumonía por Pneumocystis, causada por un fungo parasito habitual en cans pero moi raro en humanos. Eran os primeiros casos de sida.

En 1983 un equipo do Instituto Pasteur de París liderado por Luc Montaigner (hoxe un xoguete roto, signo da demencia senil do que foi un científico brillante gañador do premio Nobel) identificou ao causante como un retrovirus, máis tarde chamado VIH. O primeiro medicamento contra a sida, o AZT o zidovudina, non foi aprobado ata 1987 en EE. UU. pola FDA, nun procedemento irregular, pois o ensaio clínico foi suspendido por razóns éticas: os pacientes que tomaban o fármaco ían mellorando, mentres que os do grupo control -que só tomaban placebo- morrían pouco a pouco.

O que nos interesa agora é que o fármaco fora sintetizado en 1964 en EE.UU. como posible antitumoral, e patentado pola empresa Wellcome (hoxe GSK), mais abandonado pola súa toxicidade. Co paso do tempo a patente caducou. Pese a iso foi repatentado en 1985 e comercializado co nome de Retrovir e vendido en réxime de monopolio a altísimos prezos -co que GSK acadou o liderado do ranking mundial-, inalcanzables para os pacientes dos países pobres, en especial de África, onde a da sida se converteu nunha traxedia.

Desde 1981 uns 75 millóns de persoas contraeron a enfermidade, con 35 millóns de mortes. Trala aparición de fármacos máis efectivos a mediados dos 90, con prezos de 10.000 dólares/paciente e ano, as autoridades mundiais miraron para outro lado mentres nos países pobres afectados pola sida sucedían cousas como en Botswana, onde os propietarios das minas de diamantes prohibían aos traballadores ir a máis de dous enterros por semana, pois afectaba á produción.

Todo iso seguiu así ata que Yusuf Hamied, director do laboratorio indio CIPLA (para cando o Nobel da Paz para el?) lanzou unha oferta mundial de fármacos antisida a 1.000 dólares por paciente e ano, un prezo un 90 % máis barato, o que permitiu que chegasen ás poboacións máis pobres de case todo o planeta, evitando millóns de mortes.

Patentes de medicamentos, prezos altos e mortes... sóalles algo?