O desempregado non é o centro das políticas de emprego

José Antonio Gómez SECRETARIO XERAL DE UGT-GALICIA

OPINIÓN

06 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Por mor da recesión económica que viviu Europa desde o 2008, e con máis intensidade España, púxose en evidencia que as políticas activas non estiveron preparadas para dar resposta ao desemprego estrutural derivado da crise. Reformar e potenciar os seus instrumentos resultará estratéxico nunha contorna na que, aos retos do pasado, que persisten, únense novos desafíos que están a xurdir e que se van a acentuar ante o escenario deixado pola pandemia. Levamos tempo reclamando que a reforma das políticas activas e a modernización dos Servizos Públicos de Emprego (SPE) estea na primeira liña da axenda política.

O actual modelo de SPE é manifestamente mellorable porque as políticas activas de emprego (PAE) non están rexidas nin enfocadas polo principio xeral de que o centro das mesmas son as necesidades dos desempregados e as demandas do mercado de traballo. En consecuencia, os parados non reciben as accións básicas que lles permitan volver ao emprego: non reciben nin un bo diagnóstico das súas necesidades e posibilidades, nin un adecuado itinerario personalizado de inserción, nin a suficiente titoría durante o proceso de preparación e posterior procura de emprego.

Igualmente, a falta de identificación das necesidades dos desempregados e das demandas de traballo das empresas fai que os programas de emprego e de formación sexan ineficaces. O elevado paro de longa duración, o baixo nivel de intermediación e colocación (público e privado), e a desafección e desinterese de desempregados e compañías son evidencia e son consecuencia de que as PAE, tal e como están, non funcionan e non dan resposta ás necesidades das empresas e dos demandantes.