Música ao vivo

OPINIÓN

Óscar Vázquez

02 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O avance na vacinación fai pensar que no verán, ou á volta del, o mundo xa estará dispoñible. Entre os beneficios que traerá a contención da pandemia está o da música ao vivo. De feito, a Xunta, consciente da importancia popular que as verbenas teñen no país, prepara cinco probas piloto a mediados de xuño con orquestras en cinco concellos diferentes. Entendo que estes ensaios de protocolo fanse coa intención de abrir novas posibilidades para o sector da música, tan afectado polas medidas de confinamento e por esoutra pandemia das descargas e o pirateo xeneralizados. Os concertos xa son o medio de vida exclusivo da meirande parte dos músicos e, se todos queremos que haxa boa música, debemos ser conscientes de que hai que coidar os artistas. Que sería de nós sen música? Eu non concibo a miña vida sen ela e, coma min, seguramente hai moitas persoas que algunha vez, diante dunha canción, sentiron unha éxtase a retorcelas de pracer. De aí que aplauda os privilexios que os músicos veñen tendo de vello. Lembro aqueles itinerantes que tocaban polas festas das nosas aldeas e a veciñanza pelexaba por acollelos nas casas. Hai mesmo algún pobo indíxena en México, cun desenvolvemento case medieval, que libera os músicos de traballar. No pasado mesmo houbo leis que eximían a algúns artistas de iren ao exército. No meu caso, ser guitarrista tamén me trouxo nos Salesianos a prebenda de non ter que traballar coma o resto dos compañeiros que, mentres eu ensaiaba, eles estaban na obriga de limpar o colexio. Non me cabe dúbida de que a música engrandece o ser humano e iso debe levarnos a mimar a quen a fai e a interpreta. Por iso hai unha furiosa esperanza de volvermos escoitar música ao vivo. Por sorte, o horizonte xa case parece un pentagrama.